Concellos
CONVOCATORIA. Porto do Son aspira a obter por terceiro ano o distintivo co que se recoñece o esforzo dos concellos polo coidado e posta en valor do medio ambiente e polas boas prácticas enerxéticas // Noia confirma a súa candidatura TEXTO S. Souto

Medra o interese comarcal por izar a prezada Bandeira Verde

  • 10 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Por terceiro ano consecutivo, a Xunta convida a todos os concellos a solicitar o distintivo Bandeira Verde de Galicia para poñer en valor o seu traballo e implicación dos veciños a prol do coidado da paisaxe e do patrimonio natural, dous dos elementos máis representativos da Comunidade. Ata o día trinta de maio está aberto xa o prazo para a presentación das candidaturas, co obxectivo de recoñecer o traballo daquelas entidades locais que destaquen polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, no marco da aposta do Goberno galego polo fermosismo.

A totalidade de concellos galegos poderán tamén acreditar as actuacións realizadas no seu termo municipal sobre a xestión responsable dos residuos, o impulso da eficiencia enerxética ou a loita fronte ao cambio climático para obter o distintivo.

A concesión da Bandeira Verde constitúe un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural. Nas dúas anteriores edicións foron galardoados Porto do Son e Moaña, en ambas convocatorias, así como Alfoz, Mondoñedo, Curtis, Parada de Sil, Outeiro de Rei, Ordes e Sober, na de 2021.

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, puxo como exemplo o traballo a prol da ordenación territorial e protección do medio ambiente e da paisaxe realizado por Porto do Son, “grazas ao cal xa recibiu o galardón en dúas ocasións”. Tamén se referiu ó proxecto impulsado por Sober para a rehabilitación bioclimática dunha aldea para vivendas públicas, que puntuou á candidatura do pasado ano, e que tiña por finalidade potenciar o uso de fontes de enerxía máis limpas e que reducen as emisións de gases efecto invernadoiro.

O director animou aos responsables dos concellos galegos a seguir estes exemplos e participar deste recoñecemento, e augurou que moitos “seguro que abordaron máis iniciativas das que creen”, como por exemplo a elaboración do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que cada entidade local debe abordar ó adherirse ao Pacto das alcaldías polo clima.

Por último, De Salvador engadiu que esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e a protección da contorna natural e paisaxística, amosando o seu compromiso no coidado dos elementos máis representativos.

XESTIÓN DOS RESIDUOS. Os ámbitos de actuación nos que se encadrarán as accións incluídas nas candidaturas dos municipios son: ordenación do territorio, protección do ambiente e da paisaxe; cambio climático e eficiencia enerxética; xestión responsable dos residuos; e sensibilización e comunicación relacionadas co anterior.

O gran prestixio que supón o ondeo dunha Bandeira Verde animou a varios concellos a presentar este ano as súas candidaturas, e son moitos os alcaldes e alcaldesas do ámbito territorial de Área de Compostela os que están estudando xa cos técnicos municipais como artellalas.

É o caso dos concellos de Porto do Son, que aspira a conseguir o distintivo por terceira vez, ou de Noia que xa está preparando a candidatura, á que dará forma nos vindeiros días.

o protagonista
“É importante conseguila e conservala”
Luis Oujo Pouso
Alcalde de Porto do Son

Para Luis Oujo, “o distintivo Bandeira Verde é importante para un concello como O Son, que vive do turismo e, ó mesmo tempo, da pesca e o marisqueo”. Destaca que se recoñeceu o esforzo por recuperar tres praias cuxas augas nunca tiveran a calificación de excelente (Coira Sur, Subliglesia e O Cruceiro), o forte investimento en saneamento e a existencia de 16 rutas de sendeirismo. Engade que “é importante obter unha Bandeira Verde, pero máis o é conservala, pois a súa retirada adoita interpretarse como consecuencia dun mal traballo”.

{ a letra pequena }
Dignificar
o territorio
Suso Souto

REDUCIR as emisións de CO2 e o consumo enerxético ou apostar pola educación e a sensibilidade ambiental son boas maneiras de dignificar o noso territorio. O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir ós concellos máis dinámicos neste eido e que desenvolven boas prácticas para o coidado da súa contorna e o respecto á paisaxe. Promóvese deste xeito unha cultura de dignificación do territorio galego baseada na participación social, que resulta estratéxica, e cuxos beneficios redundan na sustentabilidade dos recursos naturais galegos. Pero a Bandeira Verde implica tamén un compromiso de futuro, para manter no tempo as políticas transversais dos concellos en materia de medio ambiente.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.