Concellos
As rúas do casco urbano da vila están iluminadas polo San Roque // Esta fin de semana remata o festexo TEXTO A. Prada

Melide énchese de luz nas festas

  • 21 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de ter que prescindir das festas do San Roque durante o 2020, a veciñanza de Melide está a desfrutar ao máximo das actividades e actuacións deste ano. O espírito festivo pode palparse nada máis achegarse ata a vila, xa que agora mesmo entrar en Melide supón empaparse dunha variada iluminación que embelece as rúas do casco urbano. Un espectáculo de cores que o verán pasado se viu reducido ás entradas principais do municipio.

O venres veciños e visitantes desfrutaron dunha xornada que estivo protagonizada pola Charanga Bassika Rapa, a Banda de Antas, Son de Rúa, o espectáculo infantil Bandullo Azul e pola actuación da orquestra Marbella. Este sábado o día festivo arrancará cun pasarrúas de Os Melidaos, previsto para as 11.00 horas, a actuación de seguido da Charanga BCB na zona dos viños, e xa pola noite os encargados de pechar a xornada serán Os Melidaos, que actuarán ás 22.00 na Praza do Convento. Trátase dun grupo de música tradicional galega nado no ano 2001, precisamente en Melide, froito da unión de músicos de diferentes xeracións e procedencias musicais que consideran que a música tradicional é un tesouro que fai falla conservar. A formación, como eles mesmos describen nas súas redes, está composta por sete gaiteiros que cantan.

REMATE. O último día das festas chegará o domingo. Neste caso o pasarrúas de Froito Novo dará a benvida á xornada dominical a partir das 11.00 horas. Seguidamente, cara as doce da mañá, está prevista a actuación infantil Assircópatas, que se desenvolverá no Cantón de San Roque. Actuará a Charanga Ardores (na zona dos viños, a partir das 12.30 horas) e a Banda de Arzúa, que tocará no Parque Rosalía de Castro ás 21.30 horas. Neste caso modificouse o espazo, e eliminouse a sesión que tiñan programada precisamente para o mediodía.

Melide desfruta da fase final dun festexo moi agardado, pero iso si, con todas as medidas de seguridade para evitar contaxios.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.