Concellos
No CPI vaise acometer unha rehabilitación enerxética nos edificios dc comedor, infantil e primaria // No último renovaranse as ventás por carpintaría de aluminio e vidro dobre // A Xunta vai investir máis de 800.000 euros TEXTO Claudina Estévez

Mellora integral do Antonio Orza Couto para finais de ano

  • 12 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O CPI Antonio Orza Couto, ubicado no municipio de Boqueixón, vai ser obxecto dunha total renovación grazas a un investimento da Xunta de Galicia de case 829.000 euros. Así o anunciaba este luns o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a dito centro educativo, onde deu conta dos pormenores da actuación que se acaba de licitar.

Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato; integrantes do goberno municipal e directiva do CPI Antonio Orza Couto. Segundo explicou o conselleiro, unha vez completados os trámites administrativos, a previsión é que os traballos, que terán unha duración de cinco meses, comecen cara finais de ano.

O conselleiro avanzou que a intervención vai ter dúas partes diferenciadas que abranguerán os edificios de Educación Infantil, de Educación Primaria e do comedor. Por unha banda, vaise acometer unha rehabilitación enerxética que incluirá o illamento térmico da fachada mediante sistema SATE nos tres edificios, a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e a colocación de novos falsos teitos.

Ademais, no caso concreto do edificio de primaria renovaranse as ventás por carpintería de aluminio e vidro dobre no comedor e nalgunhas zonas comúns; instalarase unha cuberta de panel sándwich con illamento de 300mm; substituiranse as baixantes e canlóns, e aplicarase illamento do baixo cuberta con lá de roca. A intervención enerxética completarase con outras actuacións de menor entidade como a mellora da sinalización ou a actuación na pérgola, entre outros.

Todas estas medidas combinadas, sinalou o conselleiro, “van supoñer un aforro enerxético anual no edificio de primaria de preto do 50% en canto a consumo de enerxía e tamén en emisións de CO2, mentres que no edificio de Infantil estes aforros van andar entorno ao 34% aproximadamente”.

Isto, segundo explicou o titular de Educación, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”, indicou Román Rodríguez.

Dende o Concello de Boqueixón lembran que esta non é a única actuación de mellora que se acomete neste centro escolar nos últimos anos. Así, no verán de 2019 a Xunta investiu 48.000 euros no cambio da cuberta do CPI Antonio Orza. Unhas obras que consistiron na retirada da antiga cuberta de placas de fibrocemento con amianto e na colocación dunha nova cubrición a base de panel “sándwich” de aceiro con illamento intermedio. Asemade tamén se colocara outra capa de illamento sobre o forxado da baixo cuberta e substituíronse canais e baixadas de PVC por outras de aceiro galvanizado.

Por outra banda, no ano 2016 o goberno galego investira outros 60.000 euros na substitución das fiestras de varias aulas de infantil, dos canalóns da cuberta e das baixantes de auga para evitar humidades e filtracións.

O PROTAGONISTA
“As obras son compatibles coas clases”
Manuel Fernández Munín
Alcalde de Boqueixón

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu a actuación que vai acometer a Xunta de Galicia pois “mentres o colexio de infantil e o centro de secundaria se atopan nun bo estado, o edificio de educación primaria é moi antigo, pois foi construído aló polo ano 1970 e require dunha actuación completa para mellorar as súas prestacións ao alumnado”, dixo.

Fernández Munín destacou tamén a colocación dunha pérgola que permitirá que o alumnado acuda ao comedor sen ter que mollarse nos días de chuvia. Así mesmo, valorou as indicacións do arquitecto da obra, que asegurou que o desenvolvemento das obras será totalmente compatible coa normalidade nas clases do vindeiro curso. E é que hai que lembrar que os traballos están previstos para finais de ano e coincidirán en pleno curso escolar.

{ A OLLADA }
Coidar a educación
Claudina Estévez

DENDE LOGO que pode dicirse que o CPI Antonio Orza Couto vai experimentar un auténtico lavado de cara grazas a unha inversión da Xunta que supera os 800.000 euros. Se en anos anteriores o goberno galego xa outorgara axudas para renovar o centro, agora para finais de ano a rehabilitación será moito máis profunda grazas a esta cuantiosa subvención. Unhas obras que son fundamentais para o benestar do alumnado e que coincidirán durante o curso escolar. A pesar de que este tipo de traballos adoitan deixarse para os meses de verán, o alcalde aseguraba que, segundo o arquitecto, as obras van ser compatibles co curso. Agardemos que así sexa, posto que a duración é de 5 meses e suporían un gran estorbo de non selo...

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.