Concellos
Infraestruturas. Nas estradas de Caxadas a Baíñas e de Santiago a Miramontes suavizaranse os trazados máis sinuosos e perigosos // Unha senda peonil reforzará a seguridade dos veciños e escolares que transitan pola DP-9203 TEXTO José M. Ramos

Menos curvas e mellor firme nas vías de Vimianzo e Val do Dubra

  • 29 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, un importante investimento de máis de 2,7 millóns de euros para financiar as obras de mellora integral da seguridade da estrada provincial DP- 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, e ensanchar e mellorar o trazado e o firme da DP 7084 Val do Dubra- Santiago, entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223.

No caso do vial vimiancés, trátase do maior investimento (1,6 millóns de euros) programado no actual mandato pola área de Vías e Obras da Deputación que dirixe José Manuel Pequeño. O proxecto permitirá construír unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.

A necesidade de acometer unha mellora integral da seguridade desta estrada foi unha das cuestións prioritarias que a alcaldesa de Vimianzo trasladou ao presidente provincial, Valentín González, ao inicio do mandato.

“As obras permitirán que os veciños das numerosas vivendas colindantes da DP 9203 dispoñan dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén poidan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona”, sinalanda dende a Deputación.

A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro. Tamén se mellorará o trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros.

Pola súa banda, o proxecto de ampliación da estrada de Santiago a Val do Dubra suporá un investimento de 1.167.967,70 euros e contempla melloras da seguridade nun tramo de 3,5 quilómetros, que conta cun elevado volume de tráfico que conecta o núcleo de Miramontes coa intersección da estrada DP-0701.

A Deputación xa aprobara hai dous anos un proxecto de mellora para esta estrada, que non puido executarse debido á falta de autorizacións de Augas de Galicia, polo que unha vez adaptado o proxecto ás esixencias administrativas deste ente, o pleno deu luz verde definitiva a esta obra, que xa conta coas expropiacións de terreos completadas.

As obras suporán a ampliación da plataforma ata os nueve metros (siete de calzada e un metro de beiravía en cada unha das marxes), a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación do tramo con macadam e zahorra artificial, ademais da instalación de sistemas de drenaxe lonxitudinal e recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotación de nova sinalización.

O proxecto complétase coa construción dunha nova ponte sobre o rego Gatofero (xa rematada), no punto quilométrico 19+720, que supuxo un investimento de 325.728 €. A Deputación demoleu a antiga ponte, que contaba con só 6 metros de ancho que resultaban insuficientes para a nova sección do vial, e construíu un novo viaduto de 25 metros de lonxitude e 12 metros de ancho.

A protagonista
“É unha obra histórica para a veciñanza”
Mónica Rodríguez
Alcaldesa de Vimianzo

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradece a implicación da Deputación, tanto do seu presidente, Valentín González, como do responsable de Obras, José Manuel Pequeño, “e de todas as persoas que integran os grupos de traballo da institución provincial pola súa implicación con Vimianzo e a materialización dunha obra histórica para a veciñanza”, indica a rexedora.

Subliña que esta actuación permitirá garantir unhas comunicacións seguras para as persoas que transcorran por elas”, xa que se eliminarán as curvas perigosas no lugar de Padreiro de Abaixo e habilitarase unha senda peonil.

O proxecto contempla ademais habilitar unha nova estrutura ao paso do río Castro, que substituirá á existente actualmente, a cal “carece de capacidade suficiente para desaugar”, segundo sinalan desde o Concello vimiancés.

{ Pasaba por aquí }
Adaptarse ás necesidades
Manuel Lavandeira

O MANTEMENTO e actualización da rede viaria é imprescindible para garantir unhas comunicacións seguras e acordes ás necesidades dos usuarios. Cada vez son menos, pero aínda quedan algunhas estradas ou tramos viarios que semellan máis un circuíto de curvas que un vial para a circulación de vehículos. Ese é o caso da DP 9203, ao seu paso polo lugar de Padreiro, e de parte da estrada que une Santiago con Portomouro. Ademais de ralentizar a circulación, eses trazados son un perigo para o tráfico rodado e urxe a súa remodelación. Certo é que os investimentos necesarios son elevados pero, sen dúbida, amortizaranse cunha diminución da sinistralidade e co agradecemento dos condutores que transitan polas mesmas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.