Concellos
FEIRA. Da cerámica á olería, pasando pola xoiería, o vidro e a calceta, dan a coñecer os seus traballos na praza de abastos // O público pode participar en obradoiros de pintura sobre madeira e cestería // O sector emprega a 7.800 persoas TEXTO Suso Souto

Muros amosa a creatividade e o talento de dezasete artesáns

  • 18 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inaugurou este sábado na praza de abastos de Muros a feira Artesanía de Galicia, que se prolongará na xornada dominical e na que participan dezasete obradoiros coa fin de impulsar a comercialización dos produtos da marca e divulgar os oficios que engloba este sector tradicional.

Nesta cita (organizada pola Fundación Artesanía de Galicia) pódese coñecer o traballo que levan a cabo os artesáns coa cerámica e a olería, a xoiería, os xoguetes de madeira, a elaboración e reparación de redes, o vidro, o bordado, o esmalte, a calceta e a cestería.

Os protagonistas son os profesionais das firmas Arobe Cerámica e Arteviares (A Coruña); Laura Triñanes, Variopinto e Io Obradoiro Textil (Santiago de Compostela); Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén); Artesanía Silvent (Caldas de Reis); Ceramicaq (Gondomar); Como Cuando (Vigo); Design Orfebres (Ourense); Mar Barral (Catoira); Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Pilar Piñeiro Cerámica (Cangas); Redeiras Artesás (Ponteceso) e Tejeluz (Boiro).

Durante o mesmo horario da feira (de 11.30 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas) teñen lugar dous obradoiros abertos para as familias: un sobre pintura decorativa sobre madeira, impartido pola artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo) e outro de iniciación á cestería, a cargo de Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño).

O representante autonómico estivo acompañado pola alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo; o director xeral de Comercio, Manuel Heredia; e a presidenta da citada fundación, Elena Fabeiro, cos que realizou un percorrido polo recinto.

Conde puxo en valor este tipo de iniciativas “que supoñen un verdadeiro escaparate do talento da artesanía local e demostran que se trata dunha actividade de presente pero tamén de moito futuro”, dixo.

Na actualidade, este sector emprega a 7.800 persoas, polo que apostou por seguir apoiando desde as administracións a súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización que pasan pola internacionalización. Neste sentido, a Xunta destina este ano 5 millóns de euros á implantación e impulso da estratexia dixital e modernización do sector.

Pola súa banda, a rexedora destacou a importancia desta feira “por canto contribúe a promocionar un sector que está moi afectado pola crise derivada da pandemia, ao non poderse celebrar grandes eventos”.

Ademais, engadiu que “tamén nos permite dinamizar o mercado de abastos como un espazo comercial”. Neste sentido, dixo que a praza “estaba ata agora algo abandonada, con moi poucos postos, pero estamos intentando poñela en valor, e xa se instalaron recentemente dous novos postos de venda”.

Inés Monteagudo dixo que, se esta experiencia resulta positiva, o Concello apostará por unha segunda edición desta Feira de Artesanía e que mellorará a súa difusión con vistas a atraer ao maior número de visitantes posible. A mandataria muradá amosouse sorprendida pola orixinalidade dalgunhas creacións, como por exemplo unhas pezas que combinan a cerámica coa cestería. No tocante á afluencia de público, Monteagudo dixo que “está sendo boa” e que se agarda que na xornada deste domingo se acerquen á feira moitas das persoas que están de veraneo ou de visita na vila.

areadecompostela@elcorreogallego.es

Crear xoias con cristais reciclados

Un dos artesáns participantes na feira que se celebra esta fin de semana en Muros é Juan Antonio Fuente Torrado, que rexenta dende hai cinco anos o obradoiro Tejeluz en Aducil (Boiro). El valora moi positivamente que se organicen encontros deste tipo, especialmente en lugares de interese turístico, e pensa que “debería haber máis citas como esta”. Juan Antonio adícase a elaborar sobre todo pezas de xoiería, e moitas delas fainas con cristais reciclados. “Unha vez decidín que necesitaba deixar libre a creatividade, e utilicei o material que mellor coñezo, o vidro, como medio para canalizala”, sinala.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.