Concellos
Marisqueo. A Consellería do Mar delimitou as zonas de extracción de semente
de mexillón // Pretende garantir unha explotación sustentable // O conflito pasa agora da costa ós despachos, xa que os bateeiros rexeitan a medida TEXTO J. M. Ramos

Nas mellores pedras de percebe non se poderá extraer mexilla

  • 06 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Consellería do Mar, a través das súas delegacións territoriais na Coruña e Vigo, delimitou as zonas de extracción da semente de mexillón en bancos naturais co obxectivo de “garantir unha explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos mariños, tanto do percebe como da mexilla”, afirman.

Unha medida que, engaden, é o froito de “distintos informes e despois de meses de contacto entre distintos representantes do Executivo galego, das confrarías de pescadores e do sector bateeiro coa finalidade de acadar unha solución que garanta a convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren na explotación de ambos recursos”. Aseguran ademais que é unha decisión “baseada en criterios técnicos e froito da análise dos datos recollidos nos últimos meses, plasmados en informes, durante o seguimento e avaliación de ambas especies mariñas”.

Nesta liña, engaden, “o que se pretende é velar pola conservación e rexeneración tanto da semente do mexillón como do percebe e os seus ecosistemas, dada a súa coexistencia nos bancos naturais”.

Trátase tamén dunha delimitación de zonas de carácter precautorio, que se fai necesaria mentres non estean vixentes os plans de xestión do percebe para o período 2022-2024 “pois débese dar resposta á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do pasado 20 de setembro, que recolle que os plans de xestión do percebe son o marco axeitado para valorar o tipo de medidas necesarias para a protección deste recurso naquelas zonas nas que coexiste coa semente de mexillón”, indican dende a Consellería.

ÁREAS RESTRINXIDAS. Polo que respecta ao litoral da Área de Compostela, entre Caión e Rianxo, no ámbito da confraría de pescadores de Aguiño son un total de 39 os bancos de percebes nos que non se poderá extraer mexilla, namentres que na costa de Caión son 4, en Corme 2, en Laxe 16, en Muros 2 e en Muxía 18.

Na maioría das confrarías da Costa da Morte están satisfeitos coa decisión, especialmente en Muxía e Corme, que contan con dous dos bancos percebeiros máis aprezados, como son os do Roncudo, na costa pontecesana, e os da Barca, na vila muxiana. Os dous quedan agora reservados unicamente para a extracción dos cotizados percebes, que están a reservar para o Nadal.

Non obstante, a decisión parece que, alomenos de inicio, o que fixo foi trasladar o conflito que se viña dando na costa, entre percebeiros e bateeiros, ós despachos, pois na Comisión do Mexillón celebrada a pasada semana parte dos representantes do sector mexilloeiro abandoaron a xuntanza por considerar “inadmisible semellante ataque a unha actividade da que depende a viabilidade da produción do mexillón en Galicia”, sinalaron.

Tamén dende o PSdeG-PSOE denuncian a “posición pusilánime” da Xunta de Galicia neste conflito, e o seu deputado Julio Torrado sinalou que “no canto de mediar e resolvelo con vontade de tranquilizar e chegar a acordos, o Goberno galego está alimentando o conflito entre dous sectores do mar, ata o punto de que teñan cambiado as zonas de recollida da mexilla dous días antes do inicio da tempada”.

O protagonista
“Na nosa costa teñen outras zonas nas que traballar”
Santiago Pérez Haz
Directivo da Agrupación de Percebeiros de Muxía

Na confraría de Muxía están satisfeitos coa delimitación de áreas establecida pola Consellería do Mar, xa que se contemplaron todas as áreas que querían reservar en exclusiva para o percebe. Santiago Pérez, directivo do pósito e da agrupación de percebeiros, di que “os mexilloeiros teñen outras zonas nas que traballar, algunhas mesmo llas ensimanos nós. Hai tamén pedras ás que non van porque é moi perigoso, e por mar non lles compensa”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Compartir
e ordenar
Manuel Lavandeira

NON É FÁCIL contentar a todos e menos cando, como neste caso, o que está en xogo é o pan de cada día dos profesionais do mar. Se non é posible chegar a un consenso é necesario que quen ten as competencias poña orde. O que non se pode tolerar son as disputas, como a vivida no mes de maio do pasado ano nas costas de Muxía entre percebeiros e bateeiros. O ideal sería o respecto mutuo entre profesionais e tamén polos recursos que cada un explota, pero cando iso non é posible -ou iso semella- a Consellería ten a obriga, como así fixo, de actuar para que cada sector poida desenvolver con tranquilidade o que mellor sabe facer: mariscar. Se iso axuda tamén a unha explotación máis sustentable dos recursos, mellor aínda.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.