Concellos
Costa da Morte. As praias do Ézaro, Quenxe, Gures e Langosteira serán escenario de catro funcións a cargo da compañía aAntena // Cada lugar acollerá propostas propias e únicas // Complementaranse con rutas pola costa de Camariñas e Muxía TEXTO J. Ramos

Noites de naufraxios no camiño da fin da terra en versión teatral

  • 17 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Historia e teatro darán forma a un novo ciclo de Naufraxios no camiño do fin da terra, un proxecto impulsado no 2015 pola compañía aAntena que agora chega a Dumbría, Corcubión, Cee e Fisterra.

Empregando como ferramenta o teatro, o obxectivo é divulgar e dar a coñecer a cultura inmaterial da Costa da Morte a partir das historias de naufraxios que forman parte do pasado e do imaxinario colectivo das comarcas desta franxa atlántica.

Os escenarios serán as praias de Ézaro, en Dumbría (18 de setembro); Quenxe, en Corcubión (día 19); Gures, en Cee (día 25) e a de Langosteira, en Fisterra (día 26). Todas as funcións comezarán ás 21.30 horas.

Bernardino Martínez escribiu os guións utilizando as traxedias propias de cada lugar, construíndo unhas propostas únicas e propias de cada espazo elexido. Trátase dunha sucesión de escenas onde os vivos, mortos e ausentes explican o que aconteceu nos tráxicos momentos, nunha atmósfera onírica apoiada por luz tenue, acordeón en directo, a salitre no ar e a música das ondas como fondo dos espectáculos. Baixo a dirección de Xosé Lis, darán vida a eses persoaxes as actrices Alicia Baña e Andrea Rodríguez e os actores Beni Martínez e Antonio Miranda, xunto ao acordeonista Klaus Martínez, que porá a música en vivo.

A compañía aAntena (www.aantenasc.com) comezou con este proxecto no ano 2015 nun dos lugares máis simbólicos da Costa da Morte: o Cemiterio dos Ingleses, situado na costa de Camariñas. Nos dous últimos anos, e co apoio da Deputación da Coruña e o Fondo Proxectos Xacobeo, achegaron o teatro histórico a outros puntos emblemáticos como Razo (Carballo), San Adrián (Malpica), a praia de Traba (Laxe), Lobeiras, en Arou (Camariñas) e á Punta da Barca (Muxía).

HOMENAXE. O ciclo terá agora continuidade nestes catro novos escenarios, co apoio do programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia. Amplíase así a homenaxe aos desaparecidos na costa sumando novos concellos e unhas localizacións especiais para levar a cabo experiencias teatrais ao aire libre. O obxectico é converter o proxecto nun evento anual que sirva de reclamo a visitantes que queiran descubrir a paisaxe e a memoria histórica da Costa da Morte.

Os espectáculos complementaranse con percorridos pola Ruta dos Naufraxios, que guiarán aos visitantes polo litoral da costa de Camariñas e Muxía para que poidan coñecer os pormenores dos barcos afundidos nesta ría.

As rutas comezarán este venres, día 17, e terán continuidade os días 18, 19, 24, 25 e 26 de setembro, e o 1, 2 e 3 de outubro. Todas elas terán como punto de partida e chegada a Punta da Barca, en Muxía. Comezarán ás 9.00 e o remate está previsto para as 13.00 horas.

No propio punto de partida, os participantes poderán contemplar os restos pétreos do naufraxio da Virxe da Barca, fronte aos que hoxe ten o seu santuario. Ademais, ao longo do percorrido destacan como paradas clave a localidade de Cereixo (Vimianzo), porto e lugar de abrigo e acubillo das embarcacións; o faro Vilán (Camariñas), que naceu cos naufraxios para ser o primeiro de España en ser iluminado con luz eléctrica; a enseada de Trece (Camariñas), onde se atopa o Cemiterio dos Ingleses, o punto máis fatídico da Costa da Morte; As Lobeiras, en Arou e a pedra do porto en Camelle, paraxes de grande interese na costa da camariñana.

As persoas interesadas en participar nas funcións teatrais ou nas rutas poden facer a reserva a través da web www.naufraxios.com. En todos os casos haberá que cumprir cas normativas vixentes en materia sanitaria a causa da pandemia.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.