Concellos

O Bono Cultural Joven vai beneficiar aos galegos que cumpren 18 este ano

María Rivas presentou en Vimianzo este programa que permitirá a 23.000 mozos adquirir ata o día 15 de outubro produtos e manifestacións artísticas

  • 11 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, explicou este mércores en Vimianzo os pormenores da axuda coñecida como Bono Cultural Joven, un programa do que se beneficiarán 23.000 galegas e galegos nados en 2004 para adquirir distintos produtos e manifestacións artísticas ata o 15 de outubro. Pode facerse a través da web www.bonoculturajoven.gob.es. O Goberno de España investirá 3,7 millóns de euros na provincia a través deste programa.

A presentación tivo lugar na biblioteca municipal, situada na casa da cultura, onde estivo presente a propia subdelegada, María Rivas; a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, María José Pose; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño; a tenente de alcalde do Concello de Dumbría, María Agulleiro e o concelleiro de Deportes do Concello de Camariñas, Fabián Canosa, ademais de mozas e mozos nados no 2004 e persoas responsables de empresas do sector cultural de Vimianzo.

Un dos obxectivos principais é o apoio da cultura galega e o comercio de proximidade, por isto se impulsará unha axuda de 400 euros para consumir en todo tipo de produtos e manifestacións culturais en establecementos que estean adheridos a este programa.

Aberto desde o pasado 25 de xullo o prazo para solicitalo, e ata o vindeiro 15 de outubro, pódese facer o gasto en librarías, teatros, tendas de música, festivais, salas de cine, museos, e outras tendas de índole cultural.

“Queremos que a xente nova que este ano entra na maioría de idade o faga da man da cultura, porque non se nos ocorre mellor forma de celebrar o paso á idade adulta”, sinalaba María Rivas.

A alcaldesa de Vimianzo, pola súa banda, remarcaba a “importancia que supón contar con este tipo de axudas para a rapazada, xa que son a base do futuro da nosa sociedade e a dinamización cultural é unha parte fundamental para o pleno desenvolvemento da mesma”, dixo.

Hai que lembrar que con este bono, a mocidade poderá adquirir libros, revistas, prensa, videoxogos ou música en formato físico, pero tamén se potencia o ámbito online, polo que se poderá destinar parte do importe ás plataformas dixitais.

Galicia
Para os nados no 2004

··· O Bono Cultural está aprobado para todas as persoas que cumpran 18 anos ao longo de 2022. No caso de Galicia, son 22.669 persoas: 11.678 mozas e 10.991 mozos, segundo os datos que manexa o Ministerio de Cultura e Deporte.

··· Na provincia da Coruña son 9.346 persoas, 4.794 mozos e 4.552 mozas. Cada unha delas ten dereito a unha tarxeta prepagamento virtual ou física por valor de 400 euros. Poderá empregarse durante os 12 meses seguintes á súa concesión.

··· Cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros a asistir a espectáculos de artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico, como libros ou discos e outros 100 euros o consumo dixital ou en liña. É dicir, suscricións e alquileres en plataformas dixitais ou de lectura; á compra de libros dixitais ou suscricións dixitais a prensa ou revistas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.