Concellos

O centro educativo de Tordoia vaise adaptar aos novos retos construtivos

Educación destina 423.000 euros a cambiar a cuberta e as carpinterías do CPI Pecalama para cumprir coas normas do Plan de Arquitectura Pedagóxica

  • 15 may 2021 / 18:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O CPI de Tordoia será un dos centros educativos da comarca que antes se adapte os retos do novo modelo construtivo. A Xunta vai acometer a substitución da cuberta, da fachada e das carpinterías do CPI Pecalama en Tordoia cun investimento de máis de 423.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de dous meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse onte a Tordoia para visitar as instalacións do colexio, onde mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación da actuación que se vai levar a cabo e que ten como obxectivo principal a substitución do acabado de cubertas existente por paneis de aceiro con illante intermedio, así como a renovación dos calóns e baixantes. Levarase a cabo tamén a reparación de gretas e fisuras da fachada principal cun tratamento perimetral de ocos de ventás para garantir a estanquidade e a execución dun sistema de illamento polo exterior (SATE).

A actuación contempla ademais a substitución das ventás exteriores corredeiras por unha nova carpintería de aluminio anodizado con apertura oscilobatiente e con dobre acristalamento Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten como obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.

Segundo explicou, este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Trenor lembrou que o Goberno galego ten “a obriga e a responsabilidade de coidar ao máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.