Concellos

O PSdG achaca a ruptura de goberno a un problema de “ego” do alcalde de Teo

Denuncian os socialistas unha actitude electoralista e contraria ao interese xeral// O rexedor defende este cese por crise interna

  • 06 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O terremoto político de Teo aínda continúa sacudindo un municipio ao que colleu por sorpresa unha decisión aparentemente meditada por parte de Rafa Sisto, o responsable da alcaldía, pero que, á súa vez, desestruturou as estratexias de gobernanza das corporacións municipais.

Os principais damnificados foron os concelleiros do grupo socialista, destituídos do goberno de coalición que conformaban co partido local Son de Teo, este pasado luns.

Ante o acontecido, o Partido Socialista atribúe esto a unha “cuestión de ego” do alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a unha “estratexia cortoplacista” de índole electoral a ruptura do goberno no municipio da comarca de Santiago, anunciado polo rexedor o pasado luns e que pon fin a dous anos de executivo de coalición entre Son de Teo e PSdeG-PSOE.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, arroupou este martes á portavoz do PSOE no municipio teense, Uxía Lemus, que acusou a Rafael Sisto de romper o goberno porque os seus socios estaban a “facerlle moita sombra”.

“Estabamos a facelo moi ben. Tiñamos moitas cousas para facer e el (Sisto) decidiu cortar de raíz baixo escusas baratas e débiles”, sinalou Lemus, unha das catro edís do Grupo Socialista ás que Sisto retirou as competencias por razóns de falta de confianza.

Lemus, que considera a decisión “un ataque á estabilidade” do Concello -Son de Teo queda agora á fronte do goberno en solitario con catro edís nunha Corporación de 17-, cargou contra o rexedor, ao que acusa de acabar cun “goberno de esquerda forte” para “sacar réditos” da xestión socialista do executivo local.

“Agora temos un goberno de catro (edís) nun concello tan grande e con tanto orzamento europeo, que conseguimos a parte socialista”, sinalou a edil, que cualificou de “espectáculo horroroso” a forma de proceder de Sisto durante a xornada na que se produciu esta ruptura do goberno.

Tanto Lemus como Caballero mostráronse confiandos en que o “bo traballo” levado a cabo polo grupo socialista teña os seus froitos nas eleccións municipais do ano 2023. Así o subliñou o secretario xeral do PSdeG, que augurou que “cando falen as urnas”, a “maioría” dos veciños de Teo “recoñecerán” o “gran traballo” dos socialistas nestes dous últimos anos no municipio da comarca santiaguesa. Así, o actual líder do PSdG defendeu a presenza no municipio dun “partido socialista forte” que conta con concelleiros e concelleiras que representan ou presente e ou futuro do concello de Teo.

FALTA DE COMPROMISO. Por outra banda, nunha entrevista realizada no programa Galicia por Diante da Radio Galega este martes, Rafa Sisto volveu abordar o conflito xerado arredor dunha decisión tomada hai case 48 horas e que continúa a levantar opinións en todo o panorama político municipal, pero tamén autonómico,

Foi aquí onde o alcalde esgrimiu o principal motivo desta actuación, explicando que “eu podo ser o alcalde dunha forza plural e diversa, con autonomía nas súas áreas, pero non podo ser o alcalde de todos os gobernos”. Ademais, ante unha colaboración cos socialistas de case sete anos, e sen previos conflitos a esta lexislatura, expresou que: “Non é un capricho que se dea así agora. Nos quedamos moi contentos ca experiencia da primeira lexislatura, e digamos que a incorporación de novas e novos concelleiros e concelleiras, foi un feito determinante nesta ruptura”.

Ademais, o alcade incidiu no seu intento de solventar, desde o inicio, os problemas entre formacións, ante o que non conseguiron correccións e procedeu a tomar a decisión.

Sisto pretende un mandato estable a través do apoio nacionalista

Santiago. O goberno municipal encabezado por Son de Teo, sitúase nunha minoría que pode ser suceptible de sufrir unha moción de censura. Con este panorama, e co resto de formacións movendo ficha, Rafa Sisto amosa unha certa tendencia a buscar a estabilidade de goberno a través dun pacto continuo co grupo municipal do BNG, que rexeitou previamente acceder á gobernanza en coalición, precisamente polos roces e situacións tirantes que se daban a nivel interno no consistorio.

“Nós obviamente abrimos agora un escenario novo, que lanza un período transitorio, onde imos buscar todos os apoios estables que sexan posibles, obviamente dixemos xa, e en clave electoral, que o BNG debería entrar no goberno”, explicou o edil nunha entrevista no Galicia por Diante da Radio Galega na mañá deste martes.

Ademais, insistiu en que en caso de que a formación nacionalista non acceda ao goberno nin a un consenso estable, continuarán abertos á negociación “mediante apoios puntuais”, que posibiliten a aprobación de orzamentos, e outros proxectos do municipio. Con todo, incidiu o edil en que “sería ideal contar cun goberno estable”.

O principal apoio de Son de Teo ao atoparse en minoría, é por afinidade, o BNG, quen nun comunicado, amosou a súas sorpresa pola decisión do alcalde Sisto, de rachar este acordo co goberno do PSdG, o que consideran “un movemento arriscado”, á vez que lamenta o papel de ambos socios de goberno que non foron quen de entenderse nunha colaboración que se estende desde hai sete anos.

Neste senso, os nacionalistas sinalan que o sucedido este luns no Concello de Teo, “non foi máis que a constatación dos desencontros e desleadades dentro do goberno municipal” que segundo sinalan “o BNG levan denunciando desde o principio do mandato”. Con todo, a formación municipal do BNG afirma quecontinuará coa liña de traballo desenvolvida dende o inicio deste mandato, cunha oposición responsable, artellada de xeito construtivo e dialogante; antepoñendo o ben común a calquera interese partidista e garantindo a gobernabilidade a través dunha vontade clara de acordos con outras forzas, sempre que contemplen políticas transformadoras. ECG

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.