Concellos

O rock máis galego chega a Milladoiro a vindeira semana

Os grupos The Rapants, Battasoi, Biribirlocke e Chicharrón serán os encargados da música

  • 30 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O rock galego volve ao Milladoiro en apenas unha semana, o venres 5 de agosto, cunha nova edición do Millarock, que deixa atrás as restricións do 2021 e contará de novo con entrada libre e aforo ilimitado. A fórmula do festival non muda e continúa pulando pola música en lingua galega, por voces femininas e por grupos emerxentes da contorna, nesta ocasión cun cartel formado polos grupos The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón.

O Millarock, organizado pola concellaría de Cultura, é unha das citas máis asentadas no calendario cultural amesán. Xa na súa undécima edición por este festival pasaron bandas consolidadas na escena galega, como Terbutalina, Bala, Nao, Zënzar, Dios Ke Te Crew, Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Medomedá ou Familia Caamagno, entre outras.

Ademais, e como é habitual nos últimos anos, será unha das grandes citas das festas da Madalena do Milladoiro, que este ano se celebran do xoves 4 ao martes 9 de agosto. Deste xeito, o final destas coincidirá co comezo das festas da Peregrina de Bertamiráns, que irán do martes 9 ao domingo 14, sumando once días de celebracións seguidos nos dous núcleos principais do concello.

A programación ao completo de ambas celebracións compón o cartel Ames en Festas, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames.

AS BANDAS. The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. O estilo destes catro mozos apóiase en temas animados e directos cargados de enerxía. As súas letras falan de amor, desamor, mocidade ou festa; todo cunha base musical baseada en ritmos disco e guitarras indies. Por outra parte, Battosai son Héctor, Nolo e Gus que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo. Froito desa fusión xurdiron os seus primeiros singles: Cuánto Tiempo e 12:21, así como o seu primeiro LP Battosai.

Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. Está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock and roll feito en galego. Biribirlocke destaca pola enerxía coa que soben ao escenario e polo uso de cordas e ventos.

Por último, Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014. Compóñena Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén aos teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.