Concellos

Oito alumnos repasan con 49 fotos a historia do patrimonio industrial e marítimo da Pobra

A mostra ‘Marea fotográfica’ é o resultado da súa investigación sobre os espazos da vila vinculados coa salgadura e o marisqueo

  • 18 jun 2022 / 16:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Un total de corenta e nove fotografías compoñen a mostra Marea fotográfica que se pode visitar na sala de Iconografía Contemporánea do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ata o doce de setembro, acompañadas de libros e noticias sobre a industria da salgadura na localidade.

Esta exposición é froito do proxecto fotográfico realizado por alumnado de cuarto da ESO do instituto pobrense, coordinado polas profesoras Elisa Costas e Marga Saborido, no que se fai un repaso pola historia e o patrimonio mariñeiro da localidade.

A mostra estrutúrase do seguinte xeito: Espazos Baleiros, Ramiro Villoch, Mariscadoras, Bateas, Nojira, Xanelas e Retratos Maiores.

Os autores e autoras das imaxes son: Rubén Cajide, Eva Fernández, Yago Fernández, Fabián García, Marcos González, Lucas Lijó, Carlos Montes e Fabián Vidal. Todos eles ofreceron unha visita guiada ás persoas asistentes ao acto de inauguración.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo (quen participou na apertura xunto coa técnica da institución museística, Araceli Abad) manifestou que esta mostra tamén se vincula co escritor Ramón María del Valle-Inclán, “pois a súa figura non se pode entender sen prestar a debida atención a un gran cambio socioeconómico que sucedeu ao longo dos séculos XVII e XIX: a substitución da elite social fidalga, á cal pertencía a familia do autor, polos empresarios burgueses que, no caso da Pobra, estaban constituídos principalmente polos fomentadores da salgadura de sardiña”. Este aspecto recóllese nalgunhas das instantáneas como retrospección á Pobra de antano.

En relación a isto, a concelleira sinalou que a Torre de Bermúdez (actual sede do museo local) foi vendida e transformada en almacén de salgadura a finais do século XIX, polo que este traballo de investigación elaborado por parte do estudantado do instituto está vencellado á propia historia do citado edificio.

Patricia Lojo remarcou tamén a importancia deste tipo de iniciativas impulsadas pola comunidade local e dirixidas a toda a cidadanía en xeral. Neste sentido, sinalou que “é un esforzo por contextualizar a historia industrial da nosa vila, que tanto nos marcou, e que tanto influíu en Valle-Inclán e na súa familia. É, tamén, unha fiestra aberta aos visitantes ocasionais, para que nos coñezan mellor. É, por último, unha magnífica ocasión para que toda a veciñanza da Pobra do Caramiñal se achegue ata este museo, que é seu, e o desfrute”.

Pola súa parte, a docente Marga Saborido apuntou que este proxecto “ensinounos a ver A Pobra, a súa historia, a súa industria e os traballos relacionados co mar dende outra perspectiva”. Referiuse, ademais, a que non só se adquiriron coñecementos técnicos, “senón tamén de vida”.

Para levar a cabo o seu traballo de investigación, os alumnos fixeron fotos de construcións e espazos para contrastalas cas imaxes que se conservan sobre o pasado da industria da salazón; coñeceron na praia dos Raposiños o traballo que fan a diario as mariscadoras; e entrevistaron ó médico e investigador local Ramiro Villoch, cuxa vivenda está pegada ó restaurante Nojira, estando ambas edificacións moi vinculadas ó nacemento do denominado Barrio dos Cataláns.

Asimesmo, tiveron ocasión de coñecer o cultivo de ameixas nunha batea e retrataron a algúns dos veciños de maior idade da localidade.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.