Concellos

Olaxonmario triunfou na gala amesá Youtubeir@s e levou dous galardóns

Arrasou na ‘categoría raíña’ e na de Vídeo // Dende o xurado elevárono a referente nas redes

  • 26 nov 2021 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os quintos Premios Youtubeiras teñen xa os seus gañadores, despois da gala celebrada na noite do venres en Bertamiráns conducida polo grupo Tanxugueiras. E o gran triunfador da noite foi Olaxonmario, quen acadou dous dos cinco recoñecementos aos que aspiraba: Youtubeira/o e tamén o de Vídeo, destacando os xuíces que este creador é un “referente nas redes sociais”. E que o seu audiovisual Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, está entre os vídeos en galego “non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”.

Os galardóns estiveron organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, máis as universidades e Deputación da Coruña, procuran dende 2017 a promoción e visibilización das persoas creadoras na nosa lingua na Rede. Durante a gala, os membros do xurado, conformado por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez en calidade de secretaria, deron a coñecer o seu veredicto en cada unha das categorías.

O xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”. Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”, apuntou o xurado. Xunto as categorías Youtubeir@ e de Vídeo, foi a terceira cunha dotación económica de 1.000 euros.

CALIDADE. O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de dúas mil reproducións a través de vídeo.

O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, dado que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. E a canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que se fixo co galardón musica a proposta de Cousxs, fronte a Fo Records.

Xacobo de Toro alzouse co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Estas nove categorías contan cunha dotación económica de cincocentos euros.

Tres alcaldes, concelleiros e deputado

Os galardóns, coordinados por Carme Pereiro, foron entregados por representantes das diferentes institucións organizadoras do Proxecto Youtubeiras. Así, xunto aos distintos membros do xurado, subiron ao escenario o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos ou o de Negreira, Ángel Leis. Pero tamén estiveron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín. Exerceron tamén como entregadores o edil de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Obiña; o concelleiro de

Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, a concelleira de Cultura e Educación de Teo, María López Álvarez; a concelleira de Cultura e Turismo de Ribadeo, Pilar Otero Cabarcos; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina, e a edil de Política Social da Baña, Mónica González.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.