Concellos
A comisión de festas deste ano quixo deixar constancia impresa destas tradicións nun volume de 144 páxinas e que recolle máis de 350 imaxes // Henrique Neira é o coordinador deste proxecto colectivo tan cargado de historia TEXTO Alba Prada

Os festexos da parroquia de Vedra xa teñen un libro propio

  • 04 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Vedra conta cunha longa tradición de festexos tan populares como a Festa das Dores ou o Entroido dos Xenerais da Ulla. Forman parte da cultura e da historia da vila e, por suposto, enriquecen os mellores recordos de todos os veciños. Este 2022 as festas recuperan a súa forma orixinal trala pandemia, e é por iso que a comisión deste ano (que vai rotando cada sete) quixo facer algo especial: un libro adicado a todas as festas da parroquia de Vedra.

“Dende sempre hai unha comisión de novos que bota unha man á hora de organizar, e esta vez, segundo temos constancia, é a primeira na que non temos xente moza para facela”, relata José Antonio Pose, membro da comisión deste ano. “Ante isto pensamos que é urxente deixar constancia de que existiron”, conta. E é que consideran que o feito de que a mocidade non se implicase desta vez é unha claro signo de que no futuro poden perderse moitas destas celebracións.

Co obxectivo de deixar recordo impreso delas para as vindeiras xeracións, decidiron contactar co xornalista, escritor e investigador vedrés Henrique Neira. “Falou comigo José Antonio Pose e propúxome facer unha publicación sobre a Festa das Dores, a de máis fama, pero a min pareceume boa idea facela de todas as da parroquia. Pareceulle ben e comecei a investigar”, explica o propio Henrique.

Desta forma, empezou a falar coa xente para informarse de certos festexos que xa non se celebran e reuniu ata un total de 6.200 fotografías. Nacía así o libro As festas de Vedra. “A comisión proporcionoume 700 imaxes que dixitalizaran no 2007, un veciño, José Quinteiro, deume sobre 4.200; de Arxentina, dende a Sociedade Parroquial de Vedra, enviaron 300, e entre as que tiña eu e nos deixaron outros veciños xuntamos o total”. No volume recolleron máis de 350.

Para os textos, a parte de falar coa xente da zona, empapouse de información en bibliotecas dixitais, libros, revistas, así como nas publicacións de El CORREO GALLEGO e GALICIA HOXE, onde traballou. O resultado é un volume de 144 páxinas que se divide en seis partes: introdución, orixe e evolución do nome da parroquia, listado das festas, usos e costumes dos festexos, unha comparación da Festa das Dores con outras das comarcas próximas como a da Filloa de Lestedo ou a do Pico Sacro, e unha última parte adícase á peregrinación xacobea dende a vila.

As festas de Vedra, segundo comentou José Antonio Pose, conta cunha gran axuda da Concello e doutra empresa anónima. A parte, un total de dez empresas representativas da parroquia aportaron o seu gran de area para poder financiar este proxecto: Xeos da Ulla, Arturo Álvarez, Juan Guerra, Ulla Oil, La Granja, +Suárez, Maderas Lata, Agrovedra, Viuda de Parada e Bograo.

O resultado deste traballo colectivo é un volume a través do que se pode coñecer a historia e a forma de organización de cada unha das celebracións, desde a da patroa Santa Baia ata a máis famosa na comarca, a das Dores, que ten lugar o primeiro domingo de setembro, que este ano será o día 4. O volume salienta tamén a importancia de elementos das festas como os bailes, a música, a pirotecnia, a gastronomía e a bebida e as actividades culturais complementarias e de difusión que se fan cada ano.

Este xoves o libro presentarase aos medios de comunicación en Santiago na biblioteca do Museo do Pobo Galego ás 12.00 horas. E en Vedra mostrarase o resultado final ante a veciñanza no adro da igrexa parroquial de Santa Baia o vindeiro luns 8 ás 20.30 horas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.