Concellos

Os labores de limpeza para acceder ós petróglifos amesáns, un exemplo

O colectivo A Rula gaba a implicación maiá e teense para divulgar o patrimonio // Defende os avances acadados dende a constitución de Compostela Rupestre

  • 21 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

“Tense avanzado”. É a conclusión, positiva en liñas xerais, dos membros do colectivo A Rula sobre as críticas das asociacións Umia Vivo, A Forneiriña, Irmandade illa de Tambo e Anovaterra sobre os primeiros resultados de Compostela Rupestre, que agrupa dende 2018 a Ames e catro concellos máis na defensa do patrimonio. Lembran que as accións para preservar e divulgar os petróglifos amesáns comezaron hai dous anos en Ames (co desbroce de accesos a Peneda Negra e Monte Castelo con axuda da Xunta), e en Teo xa no 2013.

A entidade supramunicipal, que tamén inclúe a Santiago; ao outro municipio maián, Brión, e a Val do Dubra, recibía hai pouco máis dun mes unha severa censura dos colectivos citados, divulgando que, a pesares do orzamento de 500.000 € previstos para o proxecto, “non se fixo ningún traballo de coidado de conxuntos de petróglifos permanentemente ameazados”. Ademais, apuntaban cara a Deputación, valedora de Compostela Rupestrea, subliñando que “alá van preto de catro anos perdidos e 120.000 euros gastados en burocracia e propaganda con utilización de imaxes virtuais de gravados rupestres que na realidade se atopan inaccesibles ou rodeados de toxos”.

RESPOSTA. A Administración provincial non demoraba en saír ao paso, e un par de días despois confirmaba a adquisición de parcelas para blindar o conxunto teense de Monte Piquiño (Teo), propoñendo mercalas por expropiación, e tamén lembraba que xa estaba acordado destinar 150.000 € á creación do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro, empregando a antiga escola desa aldea compostelá. Pero quizais o dato máis importante foi que, fronte aos cen petróglifos inicialmente documentados nos municipios integrantes, o acervo arqueolóxico medrou ata catalogar 150 conxuntos dende que existe Compostela Rupestre.

Ademáis, no caso amesán hai que clarexar que no pasado ano membros do colectivo A Rula e de Compostela Rupestre, xunto a particulares que visitan Ames, informaron ao Concello da presenza de pegadas de rodeiras de motos, quads e bicicletas nos camiños de accesos a dous dos petróglifos que forman parte do parque arqueolóxico Compostela Rupestre: o da Peneda Negra e Monte Castelo. As queixas advertían ademais do perigo que estas condutas supoñen para os petróglifos, podendo chegar a erosionar e danar os gravados, círculos concéntricos e coviñas milenarias.

Para concienciar á veciñanza da importancia de protexer estes bens patrimoniais de Interese Cultural, colocaranse tres sinais para prohibir o paso aos vehículos rodados nestas zonas. Unha no camiño de ida e volta ao Monte Castelo e os outros nos dous accesos á Peneda Negra.

Ademais, o edil David Santomil visitaba Dingle (Kerrry, Eire), para dar a coñecer os petróglifos de Ames e establecer colaboracións, iniciativa que devolvían dúas expertas recalando na Maía. E dende hai anos, promóvense visitas didácticas xunto coa Rula.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.