Concellos
O acto tivo lugar no Pazo de Quián, en Boqueixón, e estivo presidido por José González, conselleiro do Medio Rural // A Xunta reafirmou o seu compromiso coa promoción e a protección das producións de calidade galegas TEXTO C. Estévez

Os mellores queixos e meles de Galicia recibiron o seu galardón

  • 17 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este venres celebrouse a entrega dos premios da XXV Cata dos Queixos e da XXI Cata dos Meles de Galicia. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do director xeral de Gandaría Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, foi o encargado de presidir o acto, que tivo lugar no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). O conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta pola promoción e pola protección das producións de calidade de Galicia. Un compromiso que, salientou, plásmase na aposta por Galicia Calidade, que definiu como “a nosa marca de identidade”.

Nesta liña, José González lembrou que, con este distintivo, o Goberno galego leva xa traballando 25 anos, e “agardamos seguir avanzando outros 25 anos máis”, remarcou. E engadiu que “dentro desta marca a sección específica Galicia Calidade Alimentaria englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción”, indicou o conselleiro.

Este ano o queixo gañador na categoría DOP Arzúa-Ulloa foi Queinaga, a prata levouna Pazo de Anzuxao e o bronce Bo-Queixo. Na DOP San Simón da Costa, Catadoiro fíxose co ouro, e Prestes coa prata. Na categoría DOP Queixo Tetilla o máximo galardón foi parar a Queinaga, o segundo a Pazo de Anzuxao e o terceiro a Daniberto. O premio no apartado DOP Arzúa-Ulloa curado foi para Arqueixal e no DOP Cebreiro venceu Castelo.

No tocante aos meles premiados hai que destacar que na categoría de multiflorais con IXP Mel de Galicia foron recoñecidos este ano Meles J.S. (ouro), Manuel Sande (prata) e Horta das Colmeas (bronce). Xa no apartado de monoflorais con IXP Mel de Galicia levou o ouro O Trobo Mel do Valodouro (mel de eucalipto), a prata foi parar a El Colmenar de Sara (mel de castiñeiro) e Meles J.S. tivo o bronce (de eucalipto).

Durante o acto, o conselleiro do Medio Rural referiuse á promoción e protección da calidade alimentaria galega. En relación coa primeira, recordou que nese eido vanse investir ao longo do 2023 preto de 5,5 millóns de euros. Con eles, dixo, apoiarase a presenza dos produtos agroalimentarios galegos en feiras, tanto nacionais como internacionais. Tamén se fomentarán os ciclos curtos a través de soportes como internet e, nesta liña, salientou que “xa está funcionando o mercado dixital oficial destas producións, Experiencias de calidade”. E, así mesmo, continuarase apoiando o labor de promoción dos consellos reguladores dos distintos selos de calidade, incluídas, dixo, “as denominacións de orixe protexidas dos queixos Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro e o da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia”. No mesmo ámbito da promoción, referiuse á recente celebración da 2ª edición da mostra Galicia Etiqueta Calidade.

González non quixo pechar o acto sen trasladar o seus parabéns ás 20 industrias dos 33 meles presentados este ano ás catas, así como as 43 mostras das 30 queixerías que competiron nesta edición do certame dos queixos. Ademais, agradeceu o traballo dos expertos que conformaron o xurado e que, remarcou, “non o tiveron nada fácil”, asegurou.

O PROTAGONISTA
“Protexer o bo facer e o produto final”
José González
Conselleiro do Medio Rural

Con respecto á protección da calidade alimentaria, o conselleiro incidiu na importancia dos 36 selos de calidade diferenciada cos que conta Galicia, que permiten, trasladou, “protexer o bo facer e o produto final”. Fan posible así, engadiu, salvagardar o produto na orixe, referíndose especificamente ao produtor, é dicir, ao agricultor e ao gandeiro. Neste sentido, puxo en valor que “garantir a digna subsistencia do sector primario é garantir tamén a calidade, de principio a fin”.

Neste mesmo eido da protección, o conselleiro fixo referencia ao marco normativo. Lembrou a relevancia da futura Lei da calidade alimentaria como panca na que se asentará a produción de proximidade, sa e sustentable que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico. E tamén a Lei de recuperación da terra agraria, que xa está a mobilizar máis de 9.300 hectáreas na comunidade.

{ A OLLADA }
Saber facer
Claudina Estévez

Este tipo de galardóns poñen de manifesto a calidade dos nosos produtos. Galicia é coñecida fóra das nosas fronteiras pola súa boa comida e bebida. E é que o sabor galego non é doado de atopar en ningures. O esforzo de todos os que fan posible ter na nosa terra produtos de tan alta calidade debe visibilizarse e, por suposto, premiarse. O Goberno galego confirmou durante o acto en Quián que seguirán apoiando o labor de promoción dos consellos reguladores dos selos de calidade. Sen dúbida é unha boa nova que as administracións invistan en protexer o noso. Un aplauso a todos os queixos e meles que se fixeron con ouros, pratas e bronces. Uns produtos que hoxe son merecedores do galardón grazas aos que traballaron duro para que Galicia sexa sinónimo de calidade e saber facer.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.