Plan de melloras nos polígonos da Laracha, Carballo e Ponteceso
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde larachés, José Manuel López, visitaron este luns o polígono da Laracha no que se investirán máis de 46.000 euros, cun apoio da Xunta de máis de 37.000 euros, para levar a cabo un proxecto de sinalización horizontal e vertical.
Durante a visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca de Bergantiños cun investimento de máis de 290.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas o que favorecerá un investimento total de máis de 429.000 euros. Trenor destacou que a través destes apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais da Laracha con 290.000 euros, en Bértoa-Carballo con dúas actuacións de mellora da seguridade e acondicionamento dun aparcamento cun investimento de 235.000 euros cun apoio da Xunta de 171.000 euros e no parque empresarial da Mezquita-A Tella en Ponteceso de mellora dos seus accesos cun custo de máis de 146.000 € e unha axuda da Xunta de máis de 117.000 €.
Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25 % da axuda concedida.
O polígono da Laracha é, xunto co de Carballo, un dos de maior demanda. Só no que vai de ano 2022, Xestur adxudicou 12.633 metros cadrados, distribuídos en catro parcelas a tres empresas, o que supón un investimento empresarial en solo de 903.281’94 euros, segundo informou Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). A xerente desta sociedade, Beatriz Sestayo, subliñou o dinamismo e o potencial desta área industrial, que xa supera o 80 % de ocupación, e que nos últimos tres anos supuxo a creación de preto de catrocentos empregos.
Respecto ao parque empresarial de Carballo, está en marcha o proceso para a súa ampliación. A Xunta adxudicou xa o proxecto co fin de habilitar máis de medio millón de metros cadrados. En Ponteceso tamén están a estudar unha ampliación, que estará vencellada ao desenvolvemento industrial, á FP Dual e ao programa da Aceleradora de Empresas da Deputación, segundo informou o alcalde, Lois García, quen anima ás empresas a aproveitar os fondos Next Generation.
É por iso que, aínda que poidan parecer actuacións menores, os traballos de sinalización, a accesibilidade, a mellora dos aparcamentos e o reforzo da seguridade son imprescindibles para garantir unha óptima operatividade destes espazos empresariais. Tamén é fundamental que a Xunta colabore con este tipo de proxectos de mellora a través de diferentes liñas de axuda, dado que os concellos non teñen capacidade económica suficiente para atender a todas as necesidades.
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña
O delegado autonómico na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, asegurou que con estas axudas, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade.
Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Como o resto das infraestruturas públicas, os parques empresariais tamén precisan de plans de mantemento e actualización para dar resposta ás necesidades tanto das empresas asentadas nos mesmos como das persoas usuarias destes polígonos.