Concellos

Pontecesures gaña espazo e volve mirar cara á ría

O proxecto desenvolvido permitiu renovar a alumeado e crear zonas para os peóns e ciclistas, e un parque infantil con xogos

  • 19 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Pontecesures vén de dar un gran paso para recobrar a relación entre o centro da vila e a zona portuaria ca recuperación do Espazo público cara a Ría, unha importante actuación de humanización que converte esa contorna no novo punto de encontro da veciñanza e que constitúe un novo exemplo da transformación da provincia baixo o modelo de mobilidade segura e sostible que promove a Deputación de Pontevedra.

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Juan Manuel Vidal, encargáronse de inaugurar estes traballos, financiados ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos, acompañados polo deputado provincial Santos Héctor e representantes da Corporación local.

Cun orzamento de máis de 400.000 euros, a actuación pon en valor este Espazo cara a Ría co obxectivo de promover a dinamización social, económica, cultural, deportiva e de ocio na zona.

As obras, desenvolvidas nun espazo de 3.000 metros cadrados, incluíron a habilitación de zonas exclusivas para peóns e ciclistas e outras con tráfico rodado, pero con preferencia peonil, para o que se xeraron espazos de plataforma única e plena accesibilidade. Habilitouse un parque infantil con dúas zonas de xogos para nenos e nenas de ata 14 anos, renovouse o alumeado con luminarias Led e os traballos completáronse con plantación de árbores, así como coa reubicación da escultura Atios II do artista Manolo Paz, que conta agora cunha nova iluminación.

Tras a visita ao novo espazo para comprobar “o antes e o despois” da zona, Carmela Silva subliñou o “radical e transcendental cambio” que vén de experimentar esta contorna e que xa ten mellorado a calidade de vida da veciñanza. A presidenta puxo ao goberno de Pontecesures como exemplo de tantos alcaldes e alcaldesas “que están a mostrar compromiso, empuxe, claridade e valentía e que sen eles e elas sería moi difícil lograr a transformación da provincia”. “Estes son proxectos que facilitan o cambio: o dun modelo do século XX, no que os reis eran os vehículos e no que se expulsou ás persoas do espazo público, a este novo modelo do século XXI en que estamos a recuperar ese espazo”, dixo.

Neste senso, insistiu en que “todos os obxectivos comúns” deste novo modelo de mobilidade “téñense acadado nesta obra cara ao río, e é o que buscábamos cando aprobamos os plans de Reequilibrio e DepoRemse, que os concellos, particularmente os pequenos, puidesen ter recursos para esa transformación, que é complexa”, indicou.

Finalmente, destacou especialmente a habilitación do novo parque infantil “que permite que eles e elas desfruten, e tamén ás familias ter espazos para crear sociedade, atoparnos e convivir”, así como o feito da dinamización económica que promoverá a actuación desenvolvida.

Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Vidal, destacou que este proxecto xa está a supoñer unha “mellora substancial na calidade de vida da veciñanza e vai ser un polo de atracción e revulsivo económico, que vai ter un efecto multiplicador con outros proxectos que imos sacar adiante”. O rexedor agradeceu a “sensibilidade” da presidenta e da Deputación á hora de apoiar estas “iniciativas que son arriscadas porque conlevan cambios substanciais na vida da veciñanza, pero nas que temos que ser valentes á hora de facer pobo”.

“Sen o respaldo da administración provincial non sería posible a recuperación. A veciñanza entende que Pontecesures non é o mesmo desde que ten esta obra”, dixo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.