Concellos
Vinte e tres concellos da comarca reciben cento sesenta e oito mil euros para poder contratar vixiantes de instalacións acuáticas e praias fluviais // Outros cincocentos trinta e tres mil euros son para soldos de persoal técnico en corenta zonas TEXTO S. S.

Por fin cúmprese o soño: cartos para a seguridade e emprego no deporte

  • 29 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a concesión provisional das subvencións para os servizos de socorrismo dos concellos, que financia a Deputación da Coruña con 305.999 euros.

A través desta liña de axudas, 42 concellos do interior da provincia custearán os salarios dos socorristas que traballarán este verán nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais, como o Aquapark de Cerceda ou o lago das Pontes. As achegas van desde os 4.595 aos 9.984 euros, segundo as necesidades estimadas por cada municipio. As contratacións estenderanse por un máximo de tres meses.

Este programa, que se convoca cada ano, contribúe a xerar emprego durante a época estival e a manter a seguridade das persoas usuarias das piscinas públicas e praias fluviais. Ademais, este ano, os socorristas desenvolverán un importante papel para garantir que se cumpran as medidas hixiénicas e de seguridade nas instalacións acuáticas.

Así, no ámbito de Área de Santiago, A Baña recibe 6.822 €; Ames 9.918,36 €; Boqueixón 6.822 €; Brión 5.804,04 €; Coristanco 7.382,72 €; Frades 7.195,81 €; Lousame 6.822 €; Mazaricos 6.822 €; Melide 7.382,72 €; Negreira 5.390 € ; Ordes 9.918,36 €; Oroso 6.915,46 €; Padrón 6.915,46 €; O Pino 7.289,27 €; Rois 6.822 €; Teo 9.918,36 €; Tordoia 6.822 €; Touro 6.822 €; Trazo 6.822 €; Val do Dubra 6.822 €; Vedra 6.915, 46 €; Vimianzo 6.915,46 €; e Zas 8.161,27 €.

Por outra banda, o citado boletín publicou tamén a concesión definitiva das axudas que concede a institución provincial para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos. Este ano, sesenta e nove municipios contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a este tipo de profesionais grazas a este apoio económico, que achega un total de 905.000 euros para financiar este programa.

Así, asume ata o 80 % dos custos salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o vinte por cento restante do salario.

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas “ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia, permitindo a contratación de 69 persoas durante un período dun ano, facilitan tamén que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores”.

En canto ás contías, no eido de Área percibirán 15.000 € Ames, Dodro, Ordes, Padrón, Rois, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Vedra, O Pino, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Laxe, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Rianxo e Ribeira, mentres que obterán 10.000 Boqueixón, Frades, Melide, Oroso, Val do Dubra, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Muxía, Zas, Outes e O Son e 7.500 A Baña.

a protagonista
“Ribeira conta con 25 clubs e 2.200 persoas federadas”
Juana Brión
Edil de Deportes de Ribeira

A concelleira de Deportes de Ribeira sinala que a achega que lle corresponde a este municipio vai destinada a persoal de xestión de dito departamento “dun concello que conta con 25 clubs e unhas 2.200 persoas federadas en distintas especialidades, o que dá unha idea do dinamismo existente neste eido”.

“Non en van, ademais do complexo central da Fieiteira (con piscina, polideportivo, ximnasio, pista de atletismo, campos de fútbol ou, desde hai poucos meses, un exitoso recinto de Pump Track), contamos con outros tres pavillóns, un centro de raqueta, tres campos de herba artificial, doce instalacións ao aire libre, parques biosaudables e de calistenia e un longuísimo etcétera de infraestruturas ideadas para a práctica do deporte”, engade.

A construción dun módulo cuberto de atletismo, unha nova pista de skate na zona do Touro ou a remodelación da área de Samil en Corrubedo entran dentro dos plans máis inmediatos do executivo local.

O Concello concede axudas aos clubs por un importe anual que ascende a 120.000 €, ademais de becas a deportistas individuais. “En canto a escolas municipais, aínda que se recurtaron polo COVID, pouco a pouco vanse recuperando coa aspiración de volver aos números de antes da pandemia, cando participaban 500 rapaces en inverno e 300 no verán”, explica.

{ a letra pequena }
Doble fin
Suso Souto

CONTRIBUÍR ó fomento das diversas actividades deportivas e, de paso, fortalecer á consolidación do emprego nese eido, a través de axudas para a contratación de profesionais, é a doble finalidade das liñas de axudas da Deputación da Coruña. Os beneficios deste espaldarazo económico ós concellos notarano ben os usuarios das numerosas instalacións deportivas da comarca, e tamén quenes, ademais de acercarse este verán ás piscinas municipais, o fagan ás praias fluviais. Seguridade, aposta polo emprego, profesionalización na atención deportiva... Todo elo redunda en beneficio tamén da calidade integral dunha das patas da esencial oferta sociocultural que deben ofrecer os municipios, que se ven respaldados así á hora de afrontar os numerosos custos de mantemento e persoal.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.