Concellos
Melide acolleu o último showcooking do programa Sabores e Saberes e mañá tamén será o centro do próximo // Os que desexen ser partícipes dos eventos teñen que anotarse con antelación, posto que hai só 15 prazas TEXTO Claudina Estévez

Pratos que son todo un alarde da gastronomía do Camiño

  • 18 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Melide vén de ser o último municipio no que se celebrou a calidade da gastronomía galega no marco do programa Sabores e Saberes do Camiño (que forma parte de O teu Xacobeo da Xunta) e que está liderado pola Federación Efas de Galicia. Deste xeito, a vila melidense acolleu (na cociña do Concello) a cuarta sesión dos showcookings de man da técnico en nutrición MLuz Valiño, que foi a responsable de executar as elaboracións ‘Crocante rústico de queixo Tres viajeros; con amorodos agridoces’, e ‘Xeado flameado con augardente’. A sesión foi presidida por Marta Fernández, directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, e o tenente de alcalde melidense, José Prado.

Marta Fernández salientou o importante papel que realizan proxectos como Sabores e Saberes para pór en valor os produtos e os seus territorios. “Galicia é terra de produto, produto que é garante e diferenza do noso saber facer. As novas tendencias culinarias, a fusión na cociña non debe esquecer a nosa tradición, berce de tan boa materia prima e tan bos profesionais”.

O vicepresidente das Efas de Galicia, Enrique Rodríguez, pola súa parte puxo o foco na necesidade de seguir apostando por iniciativas que como esta propician as interaccións cos profesionais, cos recursos e cos territorios. “O resultado de Sabores e Saberes do Camiño materializarase nunha guía de conclusións que achegará propostas para seguir traballando no reto deste Xacobeo tan especial que temos por diante”. Agradeceu así mesmo a colaboración e contribución ao evento da empresa láctea Galacteum, produtora do queixo con D.O.P Arzúa-Ulloa Tres Viajeros, á cooperativa elaboradora do xeado Bico de Xeado e á destilería Casa Mejuto.

MLuz Valiño aproveitou a ocasión para amosar a súa satisfacción por ter participado no proxecto. “Gústame especialmente porque a súa finalidade é pór en valor, defender e dar a coñecer o produto natural e local, razón pola que a elaboración dos platos é sinxela, simplemente é engadir un chisco de imaxinación para resaltar a esencia do produto. Agardo que os asistentes se leven un bo recordo e sobre todo un sabor auténtico das marabillas gastronómicas do noso entorno”, dixo.

Cabe destacar que dende a Efa Piñeiral de Arzúa son os responsables de coordinar e impulsar estes actos, que continuarán mañá de novo en Melide. Desta vez o showcooking será no Hotel Carlos e será impartido por Manuel Garea. Segundo indican dende a Efa arzuá, as prazas xa están esgotadas. Os que desexen estar presentes en vindeiras citas (segundo fontes da Efa Piñeiral, aínda queda un en Palas e farase algún máis en Arzúa) teñen que reservar praza con antelación, pois permítese un máximo de 15 persoas para ver a demostración e degustar.

Sabores e Saberes busca o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño, a promoción da súa riqueza cultural, natural e humana a través da gastronomía nas vilas de O Pino, Arzúa, Palas e Melide. O mel, o queixo ou o galo Piñeiro protagonizaron as citas anteriores.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.