Concellos

Premio Vasoira de Prata para Carballo polo seu modelo urbano sustentable

Recoñecese a transformación e a complicidade coa cidadanía en todas as accións

  • 08 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Carballo é, xunto con Azuqueca de Henares (Castela-A Mancha) e Riba-Roja de Túria (Comunidade Valenciá), un dos tres concellos de 20.001 a 50.000 habitantes que recibirá este ano o premio Escoba de Plata (Vasoira de Prata), outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus) en recoñecemento ao proceso de transformación urbana, baseado na sustentabilidade, que está a vivir o municipio.

Ategrus concede cada dous anos os Premios Escobas de Plata, Oro y Platino aos organismos “que máis destacan polas súas iniciativas ambientais, premiando os esforzos realizados para estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación que serven para ir mellorando a calidade de vida e a sustentabilidade”, afirman dende o colectivo.

No caso de Carballo, o xurado valorou a transformación urbana iniciada no ano 2004 co obxectivo de crear “unha cidade sostible, realizando en todo momento accións de concienciación, sempre da man da cidadanía, xa que todas as accións transformadoras buscan a complicidade da poboación a través do coñecemento”, sinalan.

No acto de entrega dos premios, previsto para o 15 de xuño en Madrid (auditorio sur de Ifema), Carballo coincidirá con Vigo, A Coruña e Monforte de Lemos, outros concellos galegos galardoados.

O concurso leva celebradas xa 18 edicións, ao longo das cales foron outorgados máis de mil galardóns a municipios, deputacións, comunidades autónomas, empresas e universidades de España, Andorra, Portugal, México, Chile, Arxentina e Perú.

A primeira edición foi convocada no ano 1987 pola Unión Europea dentro do Ano Europeo do Medio Ambiente, e da súa organización no Estado español encárgase dende aquela Ategrus, unha entidade sen ánimo de lucro que facilita persoal técnico e servizos encamiñados a mellorar a xestión dos residuos, e que forma parte da asociación internacional ISWA.

Por que unha vasoira? Porque, tal como indican en Ategrus, foi “o primeiro instrumento usado na historia da limpeza e que seguirá sendo indispensable malia a introdución de novas tecnoloxías”.

A aposta de Carballo inclúe ademais melloras na mobilidade e, nesa liña, esta fin de semana varias rúas da capital local foron cortadas ao tráfico para que fosen utilizadas con fins lúdicos por parte da cidadanía. Organizáronse tamén rutas a pé e en bicicleta.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.