Presentación do libro sobre o patrimonio etnográfico de Dodro
A obra basease no traballo de investigación da arqueóloga Beatriz Pereiras Magariños // O acto será mañá ás 12.00 na Eira de Traxeito
O Concello de Dodro a través da concellería de Cultura e Patrimonio presenta mañá sábado 28 de agosto o libro Patrimonio Etnográfico do Concello de Dodro, unha obra baseada no traballo de investigación realizado pola arqueóloga Beatriz Pereiras Magariños entre os anos 2009 e 2011.
Esta publicación ten un gran valor didáctico para a localidade, pois grazas ao estudo rigoroso levado a cabo pola súa autora logrouse catalogar e describir parte dos elementos patrimoniais máis significativos de todo o municipio, entre os que se contan numerosos hórreos, cruceiros, pombais e reloxos de sol.
Durante moito tempo, este importante traballo permaneceu gardado na Casa da Cultura, derivado do cambio que se produciu no goberno local e da finalización da relación contractual que había entre a autora e o propio Concello dodrense. Porén, debido ao seu gran valor, a concellería de Cultura e Patrimonio tomou a firme decisión de recuperalo de novo e publicalo grazas á colaboración da Deputación da Coruña.
Froito desa unión institucional, sae a luz un exemplar que ten por obxecto facer visible e dar a coñecer a toda a comunidade galega a riqueza e o valor do patrimonio cultural e material do municipio coruñés.
No acto de presentación do libro, o cal terá lugar mañá sábado 28 de agosto ás 12.00 horas na Eira de Traxeito, estarán presentes e intervirán a autora, Beatriz Pereiras Magariños, o escritor dodrense Manuel Lorenzo Baleirón e o concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco.
A maiores, na cita, o concello tamén distribuirá entre o público asistente exemplares da obra publicada.