Concellos
MEDIO AMBIENTE. Licitada por máis de 282.000 euros a creación dun by-pass no río Anllóns, na zona do Muíño do Quinto // Priorizarán a naturalización do leito e as infraestruturas verdes // Está previsto investir un total de tres millóns TEXTO J. Ramos

Primeiras obras para reducir o risco de inundación en Carballo

  • 24 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou este luns a licitación, por importe de 282.300 euros, das obras do by-pass no río Anllóns, na zona do Muíño do Quinto, en Carballo, as primeiras encamiñadas a reducir o risco de inundación na capital bergantiñana.

O proxecto ten como obxecto mellorar a capacidade hidráulica do río ao seu paso polo emprazamento de Muíño do Quinto. As obras consistirán na apertura dunha canle trapezoidal que permita derivar caudal en períodos de avenida. Executarase a súa rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, de maneira que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai executar.

Trenor, que estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; e o portavoz do PP e deputado autonómico, Rubén Lorenzo, explicou que para poder levar a cabo esta actuación é necesario crear un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle. Este aspecto resolverase coa construción dun marco in situ de formigón armado. Ademais, a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se proxecta a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle este luns a publicación deste contrato, establecendo ata o vindeiro 28 de xuño o prazo para que as empresas interesadas en executar as obras poidan presentar as súas ofertas.

Máis concretamente, o proceso construtivo consiste, primeiramente, en realizar o marcado da zona expropiada e levar a cabo as tarefas de roza e retirada de elementos que se atopen situados na zona de traballo. Unha vez preparada a zona de obra, comezarase co movemento de terras executando a canle do by- pass, tanto augas arriba como augas abaixo, mantendo o camiño asfaltado en servizo ata o final, xa que esta calzada servirá de zona de paso para a maquinaria durante as obras.

Paralelamente, irase executando a pasarela de madeira que dará continuidade á senda fluvial que transcorre pola marxe esquerda do río Anllóns, xunto coa senda fluvial que será necesario repoñer. Unha vez finalizado o movemento de terras, actuarase na calzada. Demolerase o pavimento e realizarase a escavación ata a cota de cimentación. Realizarase o saneo da zona de apoio, colocarase o xeotéxtil e o formigón de limpeza sobre o que asentarán os marcos. O marco executarase in situ e, unha vez finalizado, disporanse os recheos do trasdós, estenderase o pavimento e colocaranse os elementos de sinalización, balizamento e defensas. Inclúese ademais unha partida de estendido de zahorra para a reposición dun camiño municipal que dará acceso ás parcelas que verán interrompido o seu acceso pola construción da canle.

O delegado autonómico explicou que a actuación suporá un investimento global superior aos 331.300 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias para a realización dos traballos, que contan cun prazo de execución de seis meses.

Destacou asemade que esta é unha das actuacións prioritarias para reducir o risco de asolagamentos no río Anllóns, en Carballo, que suporán un investimento autonómico global de 3 millóns de euros e que serán posibles grazas ao convenio asinado entre a Xunta e o Concello no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións.

Actualmente trabállase tamén na redacción dos proxectos das outras actuacións que se consideran máis prioritarias, como a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora integral do parque San Martiño, ca construción de motas de protección fronte ás avenidas; a reparación da ponte da rúa Fomento, ca mellora do leito e as motas de contención augas abaixo da ponte; e a mellora hidráulica do río ó seu paso polo enlace entre a autovía AG-55 e a AC-552, na rúa da Cepeira, en Sísamo.

A maiores, Augas de Galicia tamén traballa na redacción do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista, se ben esta actuación non está recollida expresamente no marco das actuacións iniciais previstas pola Xunta.

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello. Estas obras apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural. As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais. As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

COLABORACIÓN. O Executivo autonómico segue apostando pola colaboración entre todas as administracións públicas e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático, no que estes episodios extremos son cada vez máis frecuentes.

Respectar a natureza

Os procesos urbanizadores de anos atrás e falta de observación e respecto cara os procesos naturais levan agora a que en Carballo, como noutros puntos da xeografía, sexa preciso dar marcha atrás na medida do posible para deixar que os ríos flúan como o fixeron sempre. O encaixonamento e encauzamento desnaturalizado do Anllóns, ao seu paso por Carballo, está a provocar asolagamentos periódicos nas tempadas de intensas choivas. A solución non é doada, nin moito menos barata, pero está claro que hai que poñerlle remedio. Ese é o obxectivo do ambicioso plan deseñado por Augas de Galicia. É de esperar que non só sirva para emendar erros do pasado, senón tamén para previr desfeitas de futuro, ademais de inundacións.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.