Concellos
Pertencen aos municipios de Muros, Teo, A Estrada e Lalín // O fin é que creen emisoras ou laboratorios escolares // Acaban de incluírse trinte e actualmente o número de participantes no programa da Xunta elévase a 167 TEXTO Claudina Estévez

Radio na Biblio incorpora catro novos centros educativos de Área

  • 07 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos ao programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Os centros educativos da área compostelá que pasan a formar parte de dito proxecto son o CEIP Ramón de Artaza y Malvárez de Muros, o CEIP Plurilingüe Os Tilos de Teo, o CEIP do Foxo da Estrada, e o IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín. Todos eles percibirán unha contía de 2.000 euros. O resto de colexios e institutos galegos que entran na iniciativa son: CEIP Plurilingüe Alborada (A Coruña), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Esteiro (Ferrol), IES de Mugardos (Mugardos), CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume), CPI de Cervantes (Cervantes), CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz), IES Sanxillao (Lugo), CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz (Meira), CEIP Plurilingüe de Palas de Rei (Palas de Rei), IES de Quiroga (Quiroga), CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), IES Xesús Taboada Chivite (Verín), CPI da Cañiza (A Cañiza), CEIP Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda), CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves), CEIP de Ardán (Marín), CEIP de Sequelo-Marín (Marín), IES de Meaño (Meaño), IES Plurilingüe Pedra da Auga (Ponteareas), CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), CEIP Plurilingüe O Pombal (Vigo), CEIP Plurilingüe Santa Mariña (Vigo), EOI de Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa) e IES A Basella (Vilanova de Arousa).

No caso dos 137 centros que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, recibirán 500 euros cada un para a realización de obradoiros de formación específica; en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, e a elaboración de producións radiofónicas, ou para o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación dos alumnos e alumnas no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas, explican dende o Goberno galego. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como unha ferramenta pedagóxica de grande alcance para a difusión dos proxectos e das iniciativas que se fan no centro educativo.

{ A OLLADA}
A voz do profesional
Claudina Estévez

ENSINARLLES aos mozos o poder comunicativo da radio é fundamental nun mundo no que semella que as redes sociais son a única forma de chegar á xente. É asemade unha maneira de mostrarlles ás novas xeracións o traballo que hai detrás da radio e, polo tanto, unha forma de confirmarlles que comunicar con rigor implica profesionalidade. Un valor que pasou a un segundo plano coa irrupción das redes sociais, nas que todo o mundo pode transmitir informacións sen o máis mínimo rigor. Porque está moi ben coñecer como se manexan os novos medios de comunicación, pero non está de máis descubrir como funcionan os tradicionais, e de paso, recordarlles aos máis novos que o seu poder de transmisión segue moi vivo.

Alumnos e familias
Recoñecer o voluntariado cultural

··· Tamén no marco do Plan LÍA, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co obxecto de estimular e recoñecer o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias. Esta iniciativa

desenvólvese en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.

··· No caso dos centros de Primaria seleccionaranse un máximo de 10 experiencias de

voluntariado cultural dentro ou fóra do centro, desenvolvidas por escolares de 5º e 6º desta etapa educativa.

··· No caso dos de Secundaria e outras ensinanzas, poderán solicitalo as bibliotecas dos centros cuxo alumnado participe en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca ou de lectura compartida ou traballo coa información, dentro e fóra do propio instituto. Os estudantes recibirán un diploma.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.