Concellos
Patrimonio. Joaquín Vidal, responsable do Museo do Mar, empregou dous anos e medio en dixitalizar o arquivo do último da saga de fotógrafos de Laxe // Coa súa cámara inmortalizou vodas, bautizos, comuñóns, oficios e eventos TEXTO M. Lavandeira

Recuperan máis de setenta e catro mil fotos do laxense José María Vidal Eiroa

  • 02 jun 2021 / 18:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Laxe segue a traballar a prol da salvagarda do seu patrimonio histórico-cultural e, a través do Museo do Mar e do seu responsable, Joaquín Vidal Martínez, vén de recuperar e dixitalizar 74.560 fotografías do arquivo de José María Vidal Eiroa, o último dunha saga de fotógrafos laxenses que se iniciou co seu avó Placido Vidal Díaz, e que lle deu continuidade o seu pai José María Vidal García.

Non foi un traballo doado, pois o 99 % da colección que lle foi cedida ao Concello de Laxe en febreiro de 2018 por Manuel Lema Pose, “eran negativos en plástico en cor e en branco en negro, a maioría de 35 mm e o seu estado de conservación era moi deficiente”, aseguran. Ademais, o legado inclúe 28 cristais de fotografía e outros negativos plásticos de diversos tamaños.

Joaquín Vidal adicou máis de dous anos a “revivir” unhas imaxes que datan das décadas dos 60, 70, 80 e 90 do século pasado e abranguen temáticas moi variadas: vodas, bautizos e comuñóns; retratos individuais e familiares; eventos sociais, relixiosos e políticos (entre eles as visitas a Laxe dos expresidentes da Xunta, Manuel Fraga e Fernando González Laxe, e tamén do líder do BNG, Xosé Manuel Beiras, entre outros); acontecementos deportivos; oficios; actividades portuarias; patrimonio cultural (pazos, igrexas, dolmens); festas; orquestras; casas....

A maioría das fotografías foron tomadas na Costa da Morte, sendo as comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira as máis amplamente representadas, aínda que tamén as hai ambientadas na cidade da Coruña.

Joaquín Vidal empregou máis de dous anos e medio en rescatar este prezado patrimonio que corría o risco de perderse para sempre. Todas as fotografías tiveron que ser retocadas dalgunha maneira dixitalmente con programas informáticos, debido ao seu mal estado de conservación e “para eliminar defectos e mellorar a nitidez, o ton e a luminosidade”. A pesares dos seus esforzos, unhas 1.200 fotos non puideron ser recuperadas, pero quedaron igualmente gardadas. Asegura que nas fotografías de Vidal Eiroa aprézanse as influencias do seu pai e o seu avó, e subliña que axudan a “comprender os cambios na nosa zona nas catro últimas décadas do século XX”.

O Museo do Mar de Laxe atesoura agora unha das mellores coleccións fotográficas de Galicia, composta de máis de 130.000 imaxes.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.