Concellos

Respaldo provincial para o conservatorio de música de Noia, con 119 alumnos

A Deputación aumentou ata os 390.000 euros as axudas para o mantemento destas instalacións // Aberto o prazo de solicitude

  • 09 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A deputada de Educación, Sandra González Castro, visitou o pasado luns o Conservatorio de Música de Noia, onde destacou que a Deputación da Coruña vén de abrir a liña de subvencións para os conservatorios e escolas de música e danza municipais, que este ano incrementa o seu orzamento, pasando de 370.000 euros a 390.000 €.

Sandra González, que estivo acompañada durante a visita polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, subliñou a importancia destas subvencións “coas que queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia, nos que sabemos que hai moito talento que necesita ter ao seu alcance os medios para poder medrar e desenvolverse”.

Deste xeito, “seguimos coa nosa filosofía de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que pequenos e medianos concellos podan ofrecer tamén estes servizos”, sinalou a deputada, que destacou o elevado número de alumnos cos que conta o conservatorio noiés: “O conservatorio de Noia forma este curso a 119 alumnos e alumnas de toda a contorna, 77 deles no grao profesional, unha cifra que evidencia a importancia destas axudas da Deputación”, afirmou González.

Ademais do alumnado noiés, no conservatorio da localidade fórmanse mozas e mozos de Porto do Son (14), Outes (17), Lousame (3), Muros (2), Boiro (3) e incluso de Ames, Teo ou Negreira.

As axudas da Deputación para Conservatorios e Escolas de Música e Danza municipais poderán oscilar entre un mínimo de 3.000 euros para escolas de música e un máximo de 20.000 euros, no caso dos conservatorios.

Segundo indicaron dende a institución que preside Valentín González Formoso, na convocatoria de 2021, un total de 29 concellos da provincia beneficiaronse destas axudas dirixidas aos seus centros de formación artística.

No caso de Noia, debido á súa condición de conservatorio e ao elevado número de alumnos que se forman nas súas aulas, recibiu na convocatoria do pasado ano o máximo de 20.000 euros.

As bases das axudas, que se publicaron o venres 21 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establecen os requisitos que se deben cumprir para optar a estas axudas dirixidas a municipios e entidades locais que permitirán financiar a reparación e conservación de equipamento, contratacións externas e subministracións, entre outros.

Destacan nas bases da convocatoria que as solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL). O prazo remata o 25 de febreiro.

A documentación que se ha de presentar deberá ir asinada do seguinte xeito: no caso das certificacións, pola secretaría co visto e prace da alcaldía/presidencia ou concelleira/o en quen delegue; no caso das declaracións, compromisos e outra documentación, pola alcaldía/presidencia ou en quen delegue.

Poderase requirir á entidade para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.