Concellos

Rianxo non porá prezo ó dano do lume, como lle esixe o xuíz

Os comuneiros non queren que Naturgy pague con cartos polo incendio forestal de 2019, senón con compromisos co monte

  • 27 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Van alá xa tres anos do grave incendio forestal que asolou 1.200 hectáreas de monte en Rianxo. Daquela, a rabia e a pena dos veciños transformáronse en unidade e traballo e, ó mesmo tempo que se volcaron aínda máis no coidado e a protección das masas forestais, constituíron a Plataforma pola Defensa do Monte, que se personou no xuízo de responsabilidade penal no Xulgado de Padrón contra as empresas Naturgy e Elecnor.

Considéranas responsables do incendio por unha presunta neglixencia na liña eléctrica en terreos da comunidade da Cruz da Avelán, en Dodro, tal e como apuntan os indicios acreditados polos axentes forestais, a Policía Autonómica e a Garda Civil.

Unha vez desestimada por dito Xulgado a responsabilidade penal das empresas sobre estes feitos, a plataforma impulsou unha demanda de responsabilidade civil contra ditas compañías polos efectos derivados do incendio.

A demanda promoveuse polas comunidades afectadas de Rianxo e a ela sumouse un número significativo de propietarios tamén afectados polos lumes. Presentouse no Xulgado de 1ª instancia nº 3 de Madrid, onde teñen o seu domicilio fiscal as empresas demandadas, sorteando todos os impedimentos que se deron como consecuencia da crise sanitaria. Diferentes administracións públicas manifestaron a súa vontade de demandar ós supostos responsables do lume, pero o certo é que a plataforma foi a única entidade que a interpuxo.

Pero, hai uns días, ese Xulgado madrileño resolveu non admitir a demanda nos termos nos que foi formulada: o Xulgado non acepta o carácter indeterminado da contía reclamada, “cuestionando así un elemento fundamental do sentido da reclamación, ao querer levala a unha lectura puramente pecuniaria”, explican dende a plataforma.

Esta entidade considera inaceptable “que queira lerse o prexuízo dun incendio a partir dunha cuantificación pecuniaria que confronte intereses individuais, sen entrar a xulgarse como materia litixiosa precisamente o valor do ben en si, que é incalculable e está por riba do interese privado, para a partir diso establecer responsabilidades sobre os feitos”, indican.

“A determinación do obxecto do discutido debe ser precisamente o que se dirima no xuízo, xa que non hai só perdas materiais económicas, senón tamén factores ambientais, sociais, ecolóxicos, patrimoniais ou paisaxísticos a ter en conta”, indican.

Para a plataforma, “con esa decisión de antepoñer unha lectura exclusivamente pecuniaria, o Xulgado senta unha imposición que condiciona todo o proceso e vén imposibilitar a nosa reclamación, xa que o cambio de cualificación que nos require implicaría dimensionalo a unha escala cuxas costas resultarían para nós inaceptables”.

A plataforma afirma que, con esta demanda, non pretende que Naturgy e Elecnor paguen con cartos polos danos causados polo incendio, senón con compromisos no coidado e a protección dos montes afectados. É dicir: comprometéndose co seu futuro e a súa sustentabilidade.

Ante isto, a entidade presentou un recurso de reposición que foi atendido só parcialmente, insistindo o Xulgado na fixación de contía determinada “e nos termos que nós non aceptaremos”, indican. Así as cousas, temen que a demanda se acabe arquivando, pero néganse a cuantificar os danos. “O xuíz non entende o que pedimos; non podemos hipotecar o futuro das comunidades de montes co risco de posibles costas desorbitadas”, explica Rafael Saco, portavoz da plataforma.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.