Concellos
PROMOCIÓN. Patronal e confrarías acercan ós consumidores na feira Gastromar as cualidades de especies que lideran o Top Dez en capturas, pero que están ó final da lista en canto a prezos medios // Ofrece talleres de cociña e degustacións TEXTO S. S.

Ribeira exalta o gran potencial de peixes infravalorados nas lonxas

  • 10 sep 2022 / 19:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A xarda, o lirio, o xurelo ou o congro non son precisamente as especies máis valoradas nas lonxas. E iso a pesar de que algunhas delas son, precisamente, as máis vendidas. Tres delas (o lirio, o xurelo e a xarda) figuraron o ano pasado nos primeiros postos do Top Dez da lonxa de Ribeira en canto a volume de capturas. Con todo, no Top Dez das especies co prezo medio máis alto, hai que buscalas ó final da lista.

Así, en 2021 a especie que liderou a tabla de capturas na lonxa ribeirense foi o lirio (máis de 12 millóns de quilos), seguida do xurelo (3,4 millóns de quilos), a pota voadora (1,1 millóns de quilos) e a xarda (máis dun millón de quilos). O congro atópase no undécimo posto, con 201.262 quilos. Pero, no tocante á facturación, hai que empezar a buscar esas especies no quinto posto (o congro, con 1,91 € o quilo de prezo medio). A xarda aparece no sétimo (1,44 €), o xurelo no noveno (1,15 €) e o lirio no décimo (0,74 €). As primeiras posicións no referente á mellor cotización media ocupáronas o polbo (8,99 €), o percebe (3,90 €), a faneca (2,68 €) e o bocarte (2,17 €).

Para poñer en valor o gran potencial culinario destas e outras especies infravaloradas nas lonxas, a patronal e as confrarías de Ribeira (en colaboración co Concello, a lonxa de Ribeira, a Xunta e Opmega) celebran esta fin de semana na Praza de España a primeira edición da feira Gastromar, que se prolongará ata o luns e que inclúe showcookings, obradoiros de cociña e degustacións para conquistar ós consumidores a través do paladar e conciencialos dese enorme potencial con receitas tan creativas como exquisitas.

A feria celébrase baixo unha carpa de 400 metros cadrados e inaugurouse na tarde deste sábado nun acto presidido pola conselleira de Mar, Rosa Quintana. Tras permanecer aberta ata as once e media da noite, este domingo poderá visitarse de 13.30 a 16.00 e de 20.00 a 23.30 horas, e o luns, de 13.30 ás 16.00 h.

Este domingo ó mediodía haberá talleres de cociña para nenos e nenas, e o luns ó mediodía, showcookings a cargo de Miguel Mosteiro.

SEIS FOODTRUCKS. Os pratos elabóranse en seis foodtrucks e as degustacións teñen lugar na carpa, habilitada con mesas e sillas. Os asistentes poden aprender a elaborar suculentas receitas utilizando xarda, lirio, xurelo e congro, pero tamén mexillón e navalla.

Por dez euros pódese degustar un menú que inclúe bao de xurelo con verduriñas ó kimchie; roliño de xarda e chipotle; tosta de sardiña con salsa tonkatsu; bocadiño de lirio con alioli de wakame; empanada de polbo; e empanada de estofado de congro. Ademais, por doce euros pódense degustar ameixas e navallas, e por cinco euros, mexillóns elaborados en base a tres receitas.

TRES MIL RACIÓNS. En total, está previsto que ó longo das tres xornadas de Gastromar se repartan aproximadamente unhas tres mil racións, segúns os organizadores.

Na inauguración participaron tamén, entre outras persoas, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; os patróns maiores das confrarías de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, e de Aguiño, José Antonio Santamaría; o presidente da patronal local, Francisco Martínez Gude; o presidente de Opmega, Ricardo Herbón González; e os concelleiros José Manuel Vilas, do PSOE, e Cruz Rivadulla e Luís Pérez, do BNG.

A feira suscitou un grande interese xa nesta primeira xornada.

delegribeira@elcorreogallego.es

“Unha ocasión para difundir os beneficios nutricionais”

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, destacou durante a inauguración de Gastromar “o potencial deste evento para poñer en valor os produtos do mar de Galicia e dar a coñecer os seus beneficios nutricionais a través da gastronomía, así como impulsar a súa demanda e os seus prezos”. Asimesmo, Rosa Quintana destacou que “este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca difundir os produtos do mar capturados pola frota local, como o xurelo, a xarda, o lirio, a sardiña, o polbo, o choco, o congro, o mexillón, a navalla ou a ameixa. Ao mesmo tempo, ten como fin promocionar a cociña local”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.