Concellos

Saltan as alarmas en Teo ante a idea doutra pirotecnia

Este xoves o Concello convoca unha reunión tras recibir aviso da Subdelegación do Goberno

  • 13 jul 2022 / 19:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Fai xa 16 anos pero, dende logo, os teenses non o esquecen. Corría o ano 2006 cando Solláns, no municipio de Teo, temblaba a causa dunha explosión nunha empresa de pirotecnia ubicada no lugar de Solláns-Calo. O suceso non causou vítimas pero si importantes danos materiais en varias casas e a morte de animais. Todo isto tivo como consecuencia fortes protestas veciñais e un rexeitamento absoluto á legalización das instalacións.

Con todo, entre a veciñanza nos últimos anos teñen chegado de vez en cando noticias dunha posible reactivación da empresa pirotécnica, e agora volven saltar todas as alarmas. E é que o goberno local de Teo acaba de facer público un comunicado no que aclara que a Subdelegación do Goberno fixo chegar ao Concello “unha comunicación sobre a tramitación para o establecemento dun taller de fabricación de artículos pirotécnicos, situado no lugar de Solláns e a apertura dun prazo de exposición pública de 20 días”.

Ante esta comunicación o Concello convoca unha xuntanza informativa en Solláns “para alertar da problemática que conleva a tramitación deste expediente na Subdelegación do Goberno”. A reunión coa veciñanza será este xoves 14 de xullo ás 20.30 horas na explanada exterior do local da Asociación a Baiuca.

Dende o Concello amósanse moi preocupados por esta comunicación da Subdelegación do Goberno e animan “á cidanía a asistir á xuntanza para poder estar informados e buscar a maior contestación social diante desta ameaza á veciñanza teense”. O executivo local pediu o expediente completo e agardan telo para poder amosarllo aos veciños e veciñas.

A Asociación de veciños Baiuca de Calo- Cacheiras amosa o seu desasosego ante tal comunicación: “unha vez que criamos que a familia propietaria tiña desbotada a idea de volver a abrir a pirotecnia, cáusanos estupefacción que nos ameacen de novo coa instalación desta nova industria nociva, molesta e sobre todo perigosa para a vida das persoas”, sentencian.

“Na primeira explosión por sorte non se produciron nin feridos nin falecidos, pero si moitos destrozos materiais en vivendas, polo que non podemos permitir darlle unha segunda oportunidade que quizais despois teñamos que lamentar si esta nova pirotecnia se instala a carón das casas dos veciños”, lamentan dende a asociación.

Dende a entidade convidan a todos os veciños e aos partidos políticos con representación municipal a asistir á reunión deste xoves para “coñecer a súa posición” sobre este tema, que consideran de moita gravidade. No tocante a isto, o PSOE teense enviou un comunicado reafirmando “o seu compromiso coa veciñanza na loita contra o reinicio desta actividade, dezaseis anos despois da explosión”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.