Concellos
celebracións. Fisterra, Camariñas, Muxía e Vimianzo recuperarán o esplendor das súas grandes citas // Verán resucitar a Cristo, desfilar as modelos vestidas con encaixes, degustarán o congro e gozarán dos oficios tradicionais TEXTO M. Lavandeira

Semana de fe, gastronomía e artesanía na Costa da Morte

  • 04 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Semana Santa recuperará todo o seu esplendor na Costa da Morte despois de dous anos de restricións debido á pandemia. Veciños e visitantes volverán a ver resucitar a Cristo en Fisterra, a desfilar modelos vestidas con encaixes en Camariñas, a gozar do bo facer dos artesáns que enchen de vida o castelo de Vimianzo e a degustar o aprezado congro, ademais de mexillóns, na vila mariñeira de Muxía.

En Fisterra xa comezaron o pasado sábado, día 2, as celebracións relixiosas cun Retiro de Coresma na igrexa de Santa María das Areas. O mércores, día 6, comezará do Triduo e o venres, día 8, salirá a procesión de Nosa Señora das Dores, acompañada da Banda Municipal de Cee. A comitiva partirá ás 20.00 horas e percorrerá as principais rúas da vila. E o sábado, día 9, os fieis peregrinarán dende Sardiñeiro ata o templo do Santísimo Cristo.

Os actos centrais terán lugar o Xoves Santo, coa representación da Última Cea e o tradicional Lavatorio de Pés (20.00 horas). Despois celebrarase a Oración no Monte das Oliveiras e o Prendemento de Cristo, antes da Procesión do Paso da Oración do Horto, que será acompañada pola Banda Desiderio Paz. O Venres Santo, ao mediodía, haberá Vía Crucis e terá lugar o Santo Encontro na praza da Constitución. Pola tarde, a partir das 20.00 horas, na igrexa parroquial os fieis presenciarán o Desencravo de Xesús e participarán da procesión do Santo Enterro.

Logo dun sábado de vixilia pascual, o domingo 17, chegará o momento máis esperado da Semana Santa: a Resurrección de Cristo, que será escenificada no campo anexo á igrexa de Santa María das Areas a partir das doce do mediodía.

Paralelamente, en Camariñas terá lugar, no seu formato habitual a XXXI Mostra do Encaixe, que comezará o 13 de abril e rematará o día 17. Este ano voltarán os expositores de palilleiras e a tradicional pasarela de moda recuperará todo o seu esplendor, xuntando a grandes deseñadores. Xa está confirmada a presenza de Devota & Lomba, Jose Matteos, Dolores Cortés e Edith del Valle, pero serán moitos máis. Tamén se celebrará un novo Certame de Noveis Deseñadores. Asemade, a edición de 2022 terá un carácter solidario xa que se recadarán fondos para a investigación da ataxia cos concertos que ofrecerán Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre, que estará acompañada polo guitarrista Xaquín Rama (día 13), e a orquestra O Combo Dominicano (día 17).

O Combo amenizará tamén coa súa música a XXIV Festa do Congro de Muxía, que terá lugar o Venres Santo, día 15, a partir das 13.00 horas na zona portuaria. Tamén actuarán o grupo Xaramiños do Corpiño e a Discoteca Móvil Mega CDC. Todo para que veciños e visitantes poidan degustar máis plácidamente os centos de racións de congro que se cociñarán en base a diferentes receitas culinarias. Ao día seguinte, no mesmo lugar e hora, haberá unha degustación de mexillón amenizada polo dúo Charada. Complementará as citas gastronómicas unha exposición de artesanía na Casa das Beiras, que estará aberta ao público toda a Semana Santa.

As artesás e artesáns serán tamén os protagonistas dunha nova edición da Mostra en Vivo do castelo de Vimianzo, na que amosan o seu bo facer palilleiras, artesáns do liño e da palla, oleiros, maquetistas de barcos, xoieiras e orfebres, entre outros. Todo nun escenario cargado de historia que permitirá aos visitantes desfrutar dunha viaxe no tempo, e mesmo poder aprender a elaborar as súas propias pezas artesanais.

Comezou xa a conta atrás para que a Costa da Morte recupere a plena normalidade na Semana Santa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.