Concellos
MARISQUEO. Repoboaron o banco da Paxariña co apoio da Consellería do Mar // Agardan poder colleitalas para comercializar nun prazo de dous anos // A fina xa se cotiza na lonxa local por enriba dos trinta e seis euros o quilo TEXTO J. M. Ramos

Sementan na ría de Camariñas un millón de ameixas xapónicas

  • 11 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Sementar para poder recoller. Iso é o que fixeron esta semana os profesionais do marisqueo da agrupación de Camariñas, que repoboaron os seus bancos de A Paxariña cun millón de exemplares de ameixa xapónica. Unha semente que puideron mercar grazas a unha axuda recibida da Consellería do Mar.

“Esta é a variedade que máis nos falla nos nosos bancos”, afirma o patrón maior, José Ramón Lema, quen agarda que “se a cousa vai ben nun prazo de dous anos poidamos ter un moi bo produto e tamén moita cantidade, aínda que todo dependerá de que as condicións climatolóxicas sexan axeitadas”, engadiu.

A talla da semente “era bastante boa e o traballo xa está feito, polo que agora só nos queda esperar”, incidiu. Lema Romero agradece que “a Consellería do Mar teña sempre presente aos mariscadores de Camariñas e que nos axuden en todos os trámites e solicitudes que formulamos dende a confraría”. Ademais, resalta o bo traballo e axuda prestada pola bióloga de zona.

A falta de ameixa xapónica estase a ver compensada pola abundancia e a boa cotización da variedade fina, que na poxa celebrada este mércores na lonxa de Camariñas acadou un prezo de 36,50 euros o quilo, e nas últimas semanas non baixou de 33 €/kg. Unha valorización que “está bastante ben para estas alturas do ano”, sinala o patrón maior, quen agarda que conforme se vaian achegando as datas de Nadal se incremente tamén o prezo que se paga por este prezado bivalvo. “As ameixas da nosa ría son moi aprezadas non só pola súa calidade, senón tamén porque consérvanse moi ben e aguanta máis tempo cas doutras zonas marisqueiras”, engadiu José Ramón Lema.

No que vai de ano, os mariscadores e mariscadoras de Camariñas colleitaron máis de 3.800 quilos de ameixa fina, que xeraron na rula local uns ingresos de máis de 111.000 euros, segundo os datos de Pesca de Galicia. É actualmente o principal recurso para o sector e o que lles permite saír a faenar todas as mareas, agás cando aparecen as toxinas. “Tentamos de ir alternando os distintos bancos que temos para evitar unha sobreexplotación e facilitar a recuperación dos mesmos”, conclúe o patrón maior.

A idea dos profesionais do marisqueo é seguir faenando, sempre que o tempo e as circunstancias o permitan, ata completar a campaña de Nadal, que agardan sexa mellor que a do pasado ano.

VENDAS ONLINE. Despois das obras de mellora que se estiveron acometendo nos últimos meses na lonxa e nos locais da confraría de Camariñas, xa volven a ter operativa a venda online que permite participar nas poxas a compradores de toda Galicia.

Dende o pósito invitan “a todos aqueles compradores interesados na adquisición dos produtos que pasan polas nosas instalacións a que se unan á nosa confraría”. Un dos requisitos para poder formar parte como comprador é o depósito dun aval “para así poder ter, dende as nosas dependencias, unha seguridade económica por posibles impagos”. Aclaran ademais que “non se prohibe a ninguén que cumpla cos requisitos esixidos a compra dos produtos que pasan pola nosa lonxa”.

O PROTAGONISTA
“Confiamos en recuperar o berberecho”
José Ramón Lema
Patrón maior da Confraría de Pescadores de Camariñas

A agrupación de mariscadores de Camariñas agarda tamén poder contar en breve con berberecho “pois temos moita cría e agora hai que esperar a que a natureza faga o seu traballo”, afirmou o patrón maior, José Ramón Lema.

Esta especie constitúe outro dos recursos básicos do marisqueo en Camariñas. De feito, o pasado ano foi a variedade que máis ingresos xerou aos profesionais do marisqueo, pero as riadas do último inverno danaron os bancos que agora, “parece que se están a recuperar”.

{ PASABA POR AQUÍ }
O froito do traballo
Manuel Lavandeira

A pesares da merma de recursos marisqueiros debido ao exceso de choivas que provocaron moita mortandade, na confraría de Camariñas non perden a fe e seguen a traballar para recuperar os seus bancos e poder garantir así o futuro dos profesionais que se adican a colleitar ameixas e berberechos. O patrón maior, ao igual que os mariscadores e mariscadoras camariñanas teñen claro que non hai froito sen traballo. Por iso se afanan en coidar os seus recursos e aproveitar todas as axudas que chegan, que sempre son poucas, pero das que están moi agradecidos. Isto fai que poidan afrontar con optimismo a vindeira campaña de Nadal, na que farán da ameixa fina o seu produto estrela. Só hai que agardar que os prezos acompañen.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.