Concellos
O Goberno está a traballar na actualización da lei que pon en valor os alimentos con figuras de protección // A Estrada é considerada a capital galega da sidra // Ten máis de cen hectáreas para a produción da mazá en ecolóxico TEXTO C. Estévez

Sen demora no obxectivo de protexer os selos de calidade

  • 04 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Estrada acollía este martes a presentación dun informe sobre os custos de produción da mazá en ecolóxico, elaborado por unha empresa auditora. Un evento no que participaba o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Alí, o director salientou que o Goberno galego está traballando xa na actualización da Lei da Calidade Alimentaria, que data do ano 2005, para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección, é dicir, dos que están inscritos a algún selo de calidade.

Trátase dunha lei que o Goberno galego ten a intención de aprobar no vindeiro ano, segundo comunicaban hai uns meses, e que implicará extremar os controis sobre as entidades privadas de certificación alimentaria para evitar deste xeito o fraude á hora de avalar a calidade dos produtos agroalimentarios producidos e comercializados en Galicia. A finalidade é que os produtos da Comunidade acaden unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para os cidadáns.

Neste senso, Cabarcos matizou que a nova norma rexerá a calidade diferenciada en Galicia, coa fin de mellorar, integrar e desenvolver a súa regulación para dar un maior apoio e protección ás denominacións de orixe, ás indicacións xeográficas protexidas e a todas as demais figuras de protección.

Deste xeito, remarcou o compromiso da Xunta polos selos diferenciados, xa que ademais de protexer os produtos no mercado, tamén lles garante unha seguridade aos propios consumidores, e esa protección debe tamén recaer no propio produtor. Precisamente, no tocante ao mencionado informe, o director da Agacal alabou o traballo realizado para identificar, analizar e cuantificar os custos da produción da mazá en agricultura ecolóxica.

O director indicou que precisamente na Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galegos, e doutros interesados neste eido, foron varios os proxectos presentados cuxa atención se centraba na produción de mazá en ecolóxico. “Falamos dun sector exponencial que vén experimentando un forte crecemento desde principios do século XIX, cun impulso que a día de hoxe continúa vixente na Estrada”, suliñou ó respecto o director.

Así, a día de hoxe son máis de cen as hectáreas de superficie dedicada á produción de mazá en ecolóxico neste municipio pontevedrés, que converteu unha das súas tradicións nunha actividade económica moi potente, cuxa relevancia leva a considerar ao concello da Estrada como a capital galega da sidra.

RECUPERACIÓN. A través dos instrumentos que impulsa a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia vaise conseguir beneficiar considerablemente ao sector agrario galego dando cobertura a unha das demandas máis reiteradas: a de máis base territorial apta para desenvolver a súa actividade. Para iso, o director explicou que “é preciso mobilizar a terra baixo as premisas de recuperación e de prevención e, deste xeito, lograr a posta en valor de terreos que agora están abandonados ou infrautilizados”.

O PROTAGONISTA
“Hai que distinguir os produtos ecos reais”
José Luis Cabarcos
Director de Agacal

José Luis Cabarcos incidiu en que en toda actividade do sector primario é primordial aportar unha perspectiva económica financeira para coñecer os marxes de beneficio e poder correxir así o prezo de venda, “xa que nel debe repercutir ese valor engadido que xeran precisamente os produtos de calidade e ecolóxicos”, insistiu.

Sobre isto, o presidente de Agacal sinalou que a certificación é fundamental para diferenciar produtos “ecos” reais daqueles que non o son. Así, indicou que o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia non é unha moda, senón que xa se considera tendencia, superando a data de hoxe os 1.300 inscritos e cun récord de vendas certificadas coa achega de máis de 108 millóns de euros. Matizou que o sector vén experimentando un forte crecemento dende comezos do século XIX.

{ A OLLADA }
Pór en valor o noso
Claudina Estévez

É dende logo fundamental actualizar a Lei de Calidade Alimentaria, posto que é a maneira de erradicar as prácticas desleais tanto na produción como na comercialización. E tamén o é revisar o catálogo de infracións e o procedemento sancionador, axeitándoos á realidade actual e tendo en conta, entre outras cuestións, o gran volume de vendas que se xeran a través de Internet. Unha forma de compra que aínda se viu máis potenciada a raíz da pandemia. É moi importante tamén orientar o sistema alimentario cara a sostibilidade. A preocupación actual por consumir produtos ecolóxicos e de proximidade é cada vez máis patente. Algo moi lóxico tendo en conta que agora non se come como antes. Preocupa a saúde e moito.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.