Concellos

Sete anos e medio de cárcere para un fisioterapeuta por unha agresión sexual

A vítima é unha paciente dunha clínica de Carballo na que traballaba o acusado // A muller asistía a terapias de rehabilitación tras sufrir un accidente de circulación

  • 18 may 2022 / 16:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a un fisioterapeuta a sete anos e medio de cárcere por agredir sexualmente a unha paciente dunha clínica de Carballo na que exercía a súa profesión en 2020. Ademais, o tribunal impúxolle seis anos de liberdade vixiada, a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante oito anos e a inhabilitación para o exercicio da súa profesión durante catro anos.

Os maxistrados consideran acreditado que o investigado finxiu “realizar unha sesión normal de fisioterapia” pero, nun momento dado, introduciu os seus dedos na vaxina da vítima, a cal tentou saír da padiola de masaxe, o que o acusado impediu “apertando fortemente coa man as súas costas contra a superficie na que estaba tombada boca abaixo”.

Durante o forcexo, segundo relatan os maxistrados, realizou “unha momentánea penetración vaxinal, tras virar lateralmente á afectada na padiola profesional e baixarlle máis a roupa”. Tras a agresión, o procesado “quixo acougala e pediulle que non o contase”, indica o tribunal, que sinala que, ao día seguinte, a vítima volveu a outra cita concertada na clínica e, seguindo o consello da súa avogada, gravou a conversación que sostivo co condenado sobre o ocorrido.

Os xuíces sinalan na sentenza que a versión dos feitos que ofrece o acusado, quen sostivo que houbo “unha actitude de provocación” por parte da doente, é “inaceptable”. Así, recalcan que “non cre no consentimento da muller”, pois salientan que “nada, ningunha conduta da vítima, apunta nesa dirección”. Así, afirman que “a reacción de nítida oposición” da afectada impulsa ao condenado “ao exercicio de violencia física de entidade e idónea para dominar o acto e impedir á muller conducirse segundo a súa propia autodeterminación, sen que ninguén pense sensatamente hoxe en día en forza obxectivamente irresistible ou resistencia da vítima ata o límite das súas posibilidades, máxime cando a desproporción física é patente”.

Ademais, o tribunal afirma que a declaración “tan verosímil e crible” da paciente está corroborada tanto polo contido da conversación co procesado que gravou a propia vítima tras os feitos como pola pericial médico-forense do Imelga e o informe do psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o cal evidencia “un grave trastorno de estrés postraumático, que incide negativamente en varios estadios da vida ordinaria da vítima”.

A Fiscalía solicitaba para o acusado penas de 16 anos de cárcere por un delito de agresión sexual e outros dous de abusos sexuais, pero o tribunal acordou absolvelo destes últimos. Os feitos tiveron lugar en 2020, e o procesado xa se atopaba dende o dezanove de outubro do referido ano en prisión provisional.

A vítima acudira á clínica carballesa para recibir unhas sesións de rehabilitación tras sufrir un accidente de tráfico. Nas tres primeiras consultas todo foi normal, segundo relatou a muller, pero nas seguintes o procesado comezou a facerlle tocamentos que xustificou como parte do tratamento, ata que nunha das últimas sesións ás que asistiu sufriu a agresión sexual pola que agora se condena ao fisioterapeuta. Cabe sinalar que contra a sentenza poderá interpoñerse recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.