Concellos

Sobresaínte dos comercios carballeses á xestión do lixo

As empresas colaboran na recollida de pilas, aceites de cociña e cartón pregado // Animan ós locais a reciclar a fracción orgánica

  • 10 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Carballo rematou a campaña informativa sobre residuos dirixida a comercios, establecementos de hostalaría e grandes supermercados cun balance de 335 visitas e unha valoración excelente, xa que puntuaron cun 9,8 os servizos municipais de xestión de lixo.

Realizaron visitas individuais a empresas para ofrecerlles información sobre a recollida selectiva das diferentes fraccións, así coma sobre os servizos do punto limpo ou os colectores de pilas, que están a disposición de todos os negocios. Ademais, para animar e axudar na recollida de cartón, entregaronse nos comercios cintas de embalar, e no caso da hostalaría repartíronse mandís.

Nos 250 comercios visitados a campaña centrouse na recollida de cartón, por ser o principal residuo que xeran. Un 72 % das tendas coñecen o funcionamento do servizo de recollida porta a porta e ademais utilízano. O 95 % considera suficientes os tres días de recollida, e nesa mesma porcentaxe manifestaron non ter sufrido ningunha incidencia.

A iniciativa tamén serviu para coñecer os problemas. Así, os comerciantes das rúas Coruña e Hórreo evitan deixar o cartón na porta, sobre todo os venres, “porque a rapazada úsao para xogar”.

Tamén se resolveron dúbidas sobre o plástico, indicando que os pequenos envoltorios, sobre todo das tendas de roupa, deben depositarse no contedor amarelo, mentres que as grandes embalaxes plásticas de electrodomésticos ou mobles deben tirarse no colector verde.

O persoal da campaña tamén visitou catro grandes supermercados e 81 establecementos de hostalaría. En canto a estes últimos, máis do 50 % contan con colectores propios para a separación do vidro e envases, e o 35 % manifesta ter o caldeiro facilitado polo programa Horeca para o vidro, pero descoñecen que se facilita un para os envases.

Pola contra, a implantación da separación da fracción orgánica vai máis lenta, xa que só a fan o 38 % dos establecementos, polo que o Concello anima ao resto do sector a sumarse ao programa Ti tes a chave, á que xa se adheriron os catro supermercados visitados, que demandan melloras en canto ao tamaño dos caldeiros e á periodicidade da recollida. Os servizos técnicos intentarán dar solución ás necesidades dos profesionais.

Actualmente, o Concello carballés pon a disposición das empresas programas para colaborar na recollida de pilas, aceites de cociña e cartón pregado.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.