Concellos

Sorpresón en Carballo: aparecen mil coches destinados a chatarra

Algún dos vehículos levaba máis de dúas décadas dado de baixa // A Policía Autonómica atopou o depósito ilegal en catro fincas, tres delas clandestinas

  • 20 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Axentes do Grupo de Medio Ambiente da Policía Autonómica de Santiago de Compostela localizaron no Concello de Carballo tres parcelas con máis dun milleiro de vehículos fóra de uso, algúns deles con máis de dúas décadas xa dados de baixa.

A Policía Autonómica, en colaboración co Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, levou a cabo a inspección de catro fincas –tres delas clandestinas– nas que localizou os vehículos citados.

Os axentes constataron nas inspeccións que o responsable dunha empresa da localidade destinada ao despece de vehículos dábaos de baixa temporal para almacenalos e desfacelos nestes tres depósitos ilegais e clandestinos.

No lugar de descontaminar os vehículos e reciclar os seus compoñentes, foron depositados e despezados á marxe da normativa, o que supón un risco para o medio ambiente por falta de control sobre residuos perigosos, como aceites e baterías, que requiren un protocolo específico para a súa reciclaxe. Nesta liña, a Policía Autonómica localizou tamén numerosos derrames de residuos perigosos, ademais de detectar infraccións polo deficiente almacenamento de refugallos.

Pola súa banda, os técnicos do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda realizaron catas para coñecer o alcance da contaminación no medio natural e determinar se existe un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

A Policía Autonómica denunciou os feitos, que segundo a Lei recolle sancións de ata un máximo de 1,75 millóns de euros, inhabilitación para o exercicio da actividade e tamén clausura definitiva das instalacións.

Ademais, dou conta dos feitos á Dirección Xeral de Tráfico por tratarse a empresa dun centro autorizado de tratamento de vehículos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.