Concellos
O Pazo de Santa Cruz, en Vedra, recibirá presuposto da Xunta para o mantemento das súas especies singulares // A contía será destinada a traballos de poda e para a adquisición de tratamentos preventivos contra posibles pragas TEXTO Alba Prada

Tesouros: floridos xardíns, camelias e oliveiras centenarias

  • 21 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, no concello de Vedra, percibirá este ano unha axuda de 7.000 euros por parte da Xunta de Galicia para o mantemento das árbores e formacións senlleiras. Non é a primeira vez que o pazo recibe unha subvención do Goberno galego, e é que hai que ter en conta que a antigüidade das árbores que o poboan fai que requiran duns tratamentos especiais. Os xardíns da edificación, segundo o dono, Juan Armada, albergan máis de 200 variedades de camelias do século XIX e arredor de 500 oliveiras que poboan os dous paseos parelos e os tres perpendiculares.

A Consellería de Medio Ambiente facía onte pública dita orde de axudas, que este ano reparte case 60.000 euros entre cinco concellos galegos e máis dunha decena de particulares ou entidades xurídicas. Así o comunicaba a titular do departamento, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao pazo vedrés. “Os incentivos concedidos servirán para protexer e mellorar as condicións de 21 árbores ou formacións senlleiras, das cales sete son propiedade de cinco concellos e 14 de 11 persoas físicas ou xurídicas”, apuntou a conselleira.

Recordou que a liña de axudas “establecía unha partida dirixida aos concellos e que neste caso concreto beneficia aos municipios de Silleda, Porriño, Vilariño de Conso, Ourense e Caldas de Reis, aos que se lles concede unha contía global de case 20.000 euros. A segunda partida é a destinada aos particulares ou entidades xurídicas, entre os que se distribuirán máis de 40.000”, explicou Vázquez Mejuto. En concreto, estos incentivos subvencionarán o custo que implica realizar podas e traballos de control de copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións de conservación e mellora da contorna e de divulgación e sinalización, así como a realización de estudos, e que se poderán executar ata o día 30 de setembro.

Con respecto ao Pazo de Santa Cruz, concretou que a achega de 7.000 euros que se lle concede vai dirixida a “conservar os valores dun dos espazos botánicos máis impresionantes de Galicia, que tamén foi declarado como un dos xardíns de excelencia de Europa pola Sociedade Internacional da Camelia”.

O dono do pazo, Juan Armada, explicoulle a este xornal que son un total de sete as árbores senlleiras que se poden ver en Santa Cruz: “El Helecho gigante, el Roble piramidal, la Camelia antigua, la Palmera washingtonia robusta, la Cryptomeria japónica, los Tulipanes de Virginia y la Phytolacca dioica (ombú)”. Aclarou que, a excepción do fento xigante, hai máis dun exemplar das outras especies pero contan como se fosen unha á hora de pedir as axudas. “A ellas hay que sumar dos formaciones singulares: los bosques y los olivos”, engadiu Armada.

En concreto, esta subvención será dirixida, segundo indica tamén o propietario do pazo, a dotar dos tratamentos necesarios a dúas árbores senlleiras e dúas formacións.

“Por un lado, las solicitamos para tratar los bojes y evitar plagas, y también para aplicar un tratamiento preventivo en la Palmera washingtonia robusta, un tratamiento que cuesta un total de 400 euros por planta”, sinalou. “Por otro lado, irán dirigidas las ayudas a mantener en buen estado las camelias y para podar los olivos, algo que tenemos que hacer cada año o cada dos”, explicou. “Todo esto, con o sin ayudas de la Xunta de Galicia, tendríamos que hacerlo igualmente para mantener el pazo en perfecto estado”.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que as árbores están no ADN de Galicia e son protagonistas indiscutibles da paisaxe, ademais dun identificador da terra galega. Engadiu que parte desta riqueza está recollida no Catálogo de árbores senlleiras, un inventario vivo que aglutina árbores e formacións singulares, polas súas características (altura, grosor, idade...), pola rareza do exemplar ou pola súa significación histórica ou cultural.

Na actualidade, están inscritos 179 elementos (141 árbores e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes. A cantidade de árbores e formacións que atesouran os xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla convérteno en todo un referente no patrimonio natural da comunidade galega.

O PROTAGONISTA
“Teñen necesidades especiais”
José Caldelas
Concelleiro de Medio Ambiente de Vedra

Estas axudas para o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla “serán fundamentais para manter en condicións as árbores e formacións senlleiras, pois é preciso aplicarlles os tratamentos necesarios, que son moi específicos, ao tratarse de especies con tantos anos”, explicou o edil de Medio Ambiente. O Pazo conta “con sete árbores senlleiras e con dúas formacións catalogadas como tales, e a conselleira apuntou que poderían ser moitas máis as que estivesen no catálogo, alabando a riqueza botánica do lugar”, engadiu.

{ A OLLADA }
Beleza paisaxística
Alba Prada

O pazo de santa cruz é unha das máis claras mostras da beleza botánica e paisaxística galega. Manter en perfectas condicións todas as especies que habitan os seus xardíns non é doado, economicamente falando. Só o tratamento da palmeira washingtonia implica un gasto de 400 euros por planta. E iso por dar un exemplo. Son benvidas, por suposto, estas axudas, aínda que non estaría mal que atendesen máis alá das árbores e formacións calificadas como senlleiras. É dicir: no caso de Santa Cruz hai moitas variedades que non entran na subvención e asemade de cada unha das que entra, hai varios exemplares, polo que os custos multiplícanse. Unhas axudas máis xenéricas para este tipo de espazos quizais os favorecerían.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.