Concellos
Sabucedo volverá desfrutar esta fin de semana do festexo de Interese Turístico Internacional // Haberá no curro un terzo do público habitual e controlarase a asistencia nas diversas actuacións para evitar calquera contaxio TEXTO Alba Prada

Todo en marcha para a Rapa: a menor escala e con seguridade

  • 27 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Arranca unha nova edición da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), un festexo de Interese Turístico Internacional que este ano se traslada á última fin de semana de agosto (xa este xoves se puido ir abrindo boca con algún evento). O festexo converteuse nunha tradición que ensalza o entorno natural no que se celebra e que a día de hoxe ten unha gran capacidade de proxección internacional para a provincia.

Este xoves tiña lugar na Estrada a presentación oficial do evento, e ao acto asistiu o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López. O vicepresidente quixo destacar “a singularidade da festividade e a súa capacidade como reclamo turístico para atraer visitantes, ao converterse nunha cita ineludible no calendario festivo do verán en Galicia”.

Rueda engadiu que estas celebracións “contribúen a contar cunha oferta turística diferenciada, unha das fortalezas de Galicia como destino, xunto coa aposta por un turismo seguro e de calidade que está a permitir manter bos resultados de afluencia turística”. De feito, sinalou que a mensaxe de Galicia como destino seguro e o traballo do sector permitiron pechar xullo cun 80 % máis de viaxeiros que o ano pasado e resistir 20 puntos mellor que a media nacional respecto a 2019.

Ademais, confía en rematar o ano por riba dos 140.000 peregrinos, tendo en conta que cada día selan a Compostela unha media de 1.400 e se prevé chegar a finais de agosto aos 100.000, aos que hai que engadir outros moitos que fan o Camiño sen obter a citada credencial.

Pola súa parte, o alcalde da Estrada, José López, aproveitou a súa intervención para eloxiar a implicación da asociación e da veciñanza “porque non é nada fácil manter unha tradición en circunstancias normais, menos aínda na que estamos a vivir dende os últimos 18 meses”, dixo. “Todo o que se achegue verá o nivel de organización e comprobará que é unha Rapa segura, na que imos desfrutar, dunha forma un pouco distinta, pero estou seguro de que desfrutaremos dos valores patrimoniais de Galicia, A Estrada e Sabucedo”, sentenciou. O presidente da asociación, Paulo Vicente Monteagudo, recalcou precisamente os estritos parámetros de control dos que fará gala este ano o festexo. “Tomáronse todas as medidas de seguridade que precisaba a festa para poder ser levada a cabo. Entrará un terzo de público habitual no curro e van porse controis nas actuacións que teñamos”. Asemade a organización informa de que se realizarán test de antíxenos aos preto de 70 aloitadores que baixarán á area para rapar aos cabalos e bestas.

Todo isto, recalcou Paulo Vicente, é grazas “ao pobo de Sabucedo e ás administracións que apoian este evento”. Aproveitou para lanzar unha mensaxe de “preocupación” pola afección que algúns dos parques eólicos proxectados nos montes da contorna poderán ter sobre as mandas de cabalos e bestas.

A Rapa volverá celebrarse este ano despois do parón de 2020 debido á COVID. Ata o domingo realizaranse varios curros onde os coñecidos como aloitadores lle cortarán as crinas e marcarán aos cabalos recollidos do monte para despois devolvelos ao mesmo lugar.

O PROTAGONISTA
“Un evento visual impresionante”
Alfonso Rueda
Vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia

Rueda animou a turistas e peregrinos “a desfrutar da Comunidade e das súas festas e tamén a camiñar a Galicia”, ao destacar que facer o Camiño é unha oportunidade para descubrir a Comunidade en contacto coa natureza como están a demandar os visitantes e de forma segura. Así, lembrou que dúas das rutas (o Camiño de Inverno e a Vía da Prata) conflúen na comarca do Deza e pasan por algúns dos seus principais recursos turísticos. Así mesmo, Alfonso Rueda sinalou o apoio da Xunta ás celebracións que, como a Rapa das Bestas de Sabucedo, “contribúen a conservar as tradicións e os seus valores”. O Goberno galego aporta este ano 40.000 euros para apoiar esta celebración organizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. “É un dos acontecementos visuais máis impresionantes que se poden ver aquí no interior de Galicia”, dixo.

{ A OLLADA }
Aposta polo rural
Alba Prada

É de loubar o esforzo que a asociación fixo este ano para pór en marcha un evento tan recoñecido como é a Rapa das Bestas. Unha desas festas que, sen lugar a dúbidas, consiguen que o rural deixe de ser invisible dentro e fóra das nosas fronteiras. Nun ano especialmente complicado supón todo un acto de valentía e un enorme traballo organizar un festexo destas características, pero Sabucedo, despois do parón de 2020, poderá desfrutar nesta fin de semana do agardado evento. E vaino facer con todas as medidas de seguridade. Esta é unha das festas nas que os animais son o centro. Non podo menos que lembrar que aínda que o trato sexa o axeitado, se asustan ao non ser conscientes da situación. Hai que coidalos sempre.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.