Concellos

Un grupo de activistas ocuparon a illa da Creba

Reivindicaron , de forma pacífica e simbólica, que a superficie debe ser devolta “ao seu lexítimo propietario: o pobo galego”

  • 09 jul 2022 / 19:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ducias de activistas partiron na mañá deste sábado do porto de Esteiro (Muros) rumbo á illa da Creba, de titularidade privada, para realizar unha ocupación simbólica e pacífica deste espazo “que debe ser devolto ao seu lexítimo propietario: o pobo galego”, explicou Rodrigo Molinos “Bolato”, veciño de Esteiro e voceiro da actual Plataforma pola recuperación da Illa da Creba e do histórico Comité en defensa deste enclave.

A veciñanza, que puxo en marcha unha campaña coa que buscan recuperar a paraxe, encabezou este acto reivindicativo. Así, despregaron unhas enormes letras nas que se pode ler “A Creba é do pobo”. Tamén puido verse unha gran bandeira da patria situada no illote coñecido como A Pedra Vella.

A illa da Creba atópase na ría de Muros e Noia, a 200 metros de Punta Uhía, na parroquia muradá de Esteiro. Desde a Plataforma lembraron que “a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 se inscribise como ben privado no rexistro do Concello de Outes”.

A partir dese momento, Bolato explicou que “todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo Goberno do Estado español como da Xunta de Galicia”. Un exemplo diso, segundo sinalou o portavoz do colectivo, foi a construción “dunha vivenda ilegal en 1981 ou espigóns, rampa e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre”.

“Hoxe estamos aquí para dicirlle aos empresarios que pretenden facer negocio coa illa, que non o imos a permitir. A Creba ten que volver ser pública para desfrute da veciñanza de Esteiro e do pobo galego en xeral. Non imos parar até conseguilo”, concluíu Rodrigo Molinos.

Cómpre resaltar que dende Galiza Nova apoiaron a reivindicación da mencionada plataforma. Por iso, militantes da organización acompañaron este sábado aos veciños de Esteiro ocupando a illa de forma simbólica.

Casualmente, a illa da Creba suscitou esta semana un debate no Parlamento galego, ao solicitar os nacionalistas nunha proposición non de lei a súa reversión a titularidade pública da Xunta.

Pola banda dos populares, a deputada Marisol Díaz, lembrou que se trata dunha propiedade privada, inscrita no Rexistro e que non presenta valores naturais para a súa expropiación. Acusou aos nacionalistas de “utilizar electoralmente” cada catro anos esta paraxe, “coincidindo sempre con períodos electorais municipais co único fin de non respectar os dereitos”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.