Concellos

Valga loce toda a súa fermosura para a Festa da Anguía e da Caña do País

O certame convocado anualmente polo Concello premia ao sitio mellor acondicionado e engalanado polos veciños // Nesta edición participan dezasete lugares das cinco parroquias

  • 27 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os parques, espazos e infraestruturas públicas de Valga locen estes días a súa mellor imaxe a través do concurso Embelecer Valga.

Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello dentro dos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O obxectivo é implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes. O Concello aporta os materiais necesarios para a realización de todas as obras.

Un total de dezasete lugares das cinco parroquias participaron nesta edición do concurso e xa recibiron a visita do xurado, formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Patrimonio.

Valoraron aspectos coma o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e uso de materiais reutilizados.

En Barcia acondicionouse o parque; en Beiro fixéronse labores de mantemento e limpeza do parque e acondicionamento do lavadoiro e do seu entorno; en Campaña mellorouse o campo da festa; en Eirexe (Campaña) traballouse no embelecemento do cemiterio parroquial; en Canle acometeron a reposición de xardíns e outras melloras no parque; en Casaldeirigo fixéronse traballos de limpeza e mantemento no entorno da capela da Saúde e do parque infantil; no CEP Xesús Ferro Couselo acondicionaronse os espazos exteriores do centro; no CEIP Baño-Xanza melloráronse as pistas de xogos; no CRA de Valga acondicionéronse patios e outros espazos escolares; en Eiras arranxouse o lavadoiro; en Ferreirós: mellorouse o parque infantil; na Gándara reparouse o parque; en Baño mellorouse a área deportiva e instalacións para a práctica do deporte; en Raxoi fíxoselimpeza e mellora de fonte e do lavadoiro; en Setecoros notouse o embelecemento da zona exterior do cemiterio parroquial; en Vilar acondicionouse o parque e o lavadoiro; e en Vilarello mellorouse o parque, a casa veciñal e o lavadoiro

Este sábado, no transcurso do acto central da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, daranse a coñecer os gañadores.

O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, un diploma e un agasallo e o segundo e terceiro clasificados recibirán os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que descenderá a 200 e 100 euros respectivamente.

As demais comisións participantes recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.

Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros para o grupo que realice un mellor mantemento do lugar durante todo o ano.

Na edición celebrada o ano pasado o xurado elixiu a Beiro coma o lugar máis fermoso. Nesta aldea, os veciños levaran a cabo obras de acondicionamento do parque, coa instalación de novo mobiliario e o embelecemento do entorno. O segundo clasificado foi Vilarello, onde se realizara un proxecto de mantemento do parque do lugar, do local social e o seu entorno e a limpeza de dous lavadoiros. O terceiro posto recaera en Campaña, onde un grupo de veciños fixeran obras de mellora no campo da festa e no parque infantil. En total participaran neste concurso doce lugares de Valga.

O municipio prepárase para despedir por tódolo alto o festexo nesta fin de semana

Valga. Durante todo o mes a XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País estivo presente entre a veciñanza de Valga, que puido desfrutar dun sinfín de actividades grazas ao esforzo do Concello e a colaboración da Xunta. Este ano non puido organizarse o día grande (normalmente o último sábado de agosto) no que os presentes gozan dunha degustación de tapas de anguía e cócteles con caña, de verbena e dunha queimada popular con escenificación do conxuro. E foi por iso que se optou por organizar varias propostas baixo o nome de Agosto Gastronómico.

Pero o mes aínda non acabou, así que o festexo continúa. Este xoves, ás 20.00 horas, tiña lugar o Concurso da Caña do País. O evento consistiu nunha precata dos licores presentados nas modalidades de caña branca, tostada e de herbas. Cinco catadores encargáronse de realizar unha primeira selección de augardentes. Xa este venres, no mesmo sitio e á mesma hora, terá lugar a cata final, na que se decidirán os gañadores do certame, que se darán a coñecer o sábado. Tampouco faltará a música na xornada do 27, posto que pola noite, ás 21.00, os valgueses teñen unha cita no Parque Irmáns Dios Mosquera coa Banda de Música de Sanxenxo.

Para o sábado 28 está prevista de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 a VIII Ruta Tapa a Anguía. Esta proposta arrancaba a pasada fin de semana e continuará esta nos sete establecementos participantes: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Bar Couceiro, Bar Pardal, Cafetería Auditorio e Praia Fluvial de Vilarello. Todos eles presentan cadanseu petisco, no que por suposto, a anguía é a gran estrela.

Ese mesmo día, a partir das 17.00 horas, no Centro de Interpretación da Caña do País desenvolverase unha demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga. Xa pola noite, ás 21.00 horas, o Parque Irmáns Dios Mosquera será o escenario do acto institucional da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, coa entrega de premios dos seguintes certames: concurso de fotografía Valga. Anguía, caña e camiño, do certame artístico para elixir o cartel anunciador da festa, do certame Anguía Chef, Embelecer Valga, do concurso de receitas con anguía, da ruta Tapa a Anguía e do concurso da Caña do País. O broche final desta xornada correrá a cargo da Banda de Música Municipal do concello.

O domingo chegará a súa final o festexo. Farao coa continuación da ruta de tapas (de 12.00 a 15.00 horas) e co showcooking Moito máis que caña, de man de cocteleiro Diego Dasilva, ás 13.00 no Centro de Interpretación da Caña do País. Preparará catro cócteles con augardente que serán degustados polos asistentes. O aforo, de 25 persoas, está xa completo.

CATA- MARIDAXE Por certo que o pasado mércores O xardín posterior do Museo da Historia engalanouse para acoller a cata-maridaxe na que participaron 35 comensais, entre inscritos e autoridades. Asistiu o alcalde, José María Bello, ao que acompañaron varios edís do equipo de goberno e representantes dos Concellos de Pontecesures, Caldas de Reis e Padrón. Dita proposta gastronómica permitiu explorar novas formas de introducir a anguía e a augardente na cociña a través dun menú deseñado e elaborado polos chefs de Indo e Vindo Gastronomía: Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña. Ofrecerán receitas sorprendentes tanto para a vista como para o gusto.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.