Concellos

Vehículos seminovos e co depósito cheo á venda en Feirauto de Baio

Dende este venres ao domingo os talleres de Baio ofrecen cheques de 200 € por cada compra // A entrega dos coches é inmediata

  • 06 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A corenta e nove edición de Feirauto bota a andar hoxe en Baio (Zas) e os talleres participantes (Automóviles Celmar, Grupo Talleres J. Lema e Talleres Manuel Montes), manterán as súas portas abertas ata o vindeiro domingo (incluído) en horario de mañá e de tarde.

Ademais de poder elixir entre unha gran variedade de vehículos, maioritariamente seminovos e con poucos quilómetros, os compradores atoparán en Feirauto moi boas condicións de financiación e, a maiores, garantízanse a entrega inmediata e un cheque de 200 € para combustible por cada coche vendido.

A oferta abarca vehículos de todas as marcas e modelos e tamén coches eléctricos. “Adaptámonos á demanda que nos vai marcando o cliente”, afirma Manuel Montes.

“A xente, pouco a pouco, vai amosando interese por este tipo de vehículos, aínda que, de momento, a demanda maioritaria segue sendo a de coches diésel e gasolina”, engadiu. Non obstante, recalca, “este é un sector que está en pleno proceso de transformación”. Así, a case exclusiva demanda de coches a gasoil de anos atrás vai decaendo “e hoxe podemos dicir que se igualou coas vendas de turismos a gasolina, sobre todo na gama media e de utilitarios”, dixo.

Esta 49 edición de Feirauto foi inaugurada na noite deste xoves nun acto celebrado na casa consistorial de Zas, no que participaron, ademais dos directivos da Asociación do Automóbil de Baio, o presidente de Fecom, José Gabían, e o alcalde, Manuel Muíño, quen reiterou o apoio municipal a un sector moi consolidado e cun gran peso na economía local.

Feirauto coincidirá nesta ocasión con outra das citas consolidadas na vila baiesa, xa que do 6 ao 8 de maio tamén se celebra Baio ten a pelota, unha iniciativa da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira que pretende promocionar o comercio e a hostalería locais. Así, haberá descontos nas tendas, postos artesanais na rúa, degustación de tapas en tres locais hostaleiros, música, inchables e obradoiros de manualidades. A campaña conta tamén co apoio do Concello.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.