Concellos

Venres 13 de música, premios e tributo a Delgado Gurriarán nas Letras Galegas

O acto central chega ata a casa da cultura do Milladoiro // Entregarán galardóns literarios // Actuarán alumnos da escola EMMA e os de acollemento lingüístico

  • 12 may 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ca figura e obra do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán coma motivo, o Concello de Ames presenta a programación do seu Mes das Letras Galegas. O epicentro virá conformado por un acto literario e musical que estará conducido por Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro, este ventes 13 ás 20.00 horas na casa da cultura do Milladoiro. Incluirá moita lírica, entrega dos premios literarios e actuacións da escola municipal amesá de música e alumnos de acollemento, con entrada libre e gratuíta.

Precisamente, este acto comezará cunha gala das persoas integrantes do Obradoiro de Acollemento Lingüístico. En galego co teu acento!, impartido en Bertamiráns, do 14 de marzo ata o 13 de abril. Aylín Barreto, Óscar García (Monti) e José Antonio Lago, cantarán acompañadas coa guitarra, a adaptación do poema Galicia Infinda de Florencio Delgado. De seguido, farase a entrega dos premios do XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Nesta edición presentáronse 153 traballos. Os 18 traballos gañadores proceden de once concellos, espallados por toda: Ames, Carballo, A Coruña, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, no concello amesán quedan tres galardóns, entre eles os primeiros premios na 1ª e 3ª categoría de narrativa e o segundo posto na 2ª categoría de poesía.

Despois da entrega de premios, quenda do alumnado de guitarra e linguaxe musical da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), dirixidos por Antonio Bravo e Ana Blanco. O obxectivo desta gala é, como en anos anteriores, darlle visibilidade á vitalidade e á calidade da creación literaria na nosa lingua e homenaxear a todos os creadores e creadoras, en especial ás persoas gañadoras nas dúas convocatorias literarias amesáns e ao autor escollido pola Real Academia Galega. Porén, esta non é a única das citas coas que o Concello amesán festexa as letras.

Porque neste mes haberá máis actividades, que virán sempre da man das concellarías de Normalización Lingüística e Cultura, con propostas de animación á lectura para público infantil das bibliotecas de Ames. As sesións de contacontos que comezaron na biblioteca do Milladoiro, impartiranse nos días 18, 19 e 20, ás 17.30 horas, na biblioteca de Bertamiráns, coas sesións de contacontos Vexo-vexo, que ves?. As inscricións para a biblioteca de Bertamiráns pechan o sábado 14 de maio, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Ademais, para a rapazada de 3º a 6º de primaria organízase un obradoiro de imprenta, no que se elaborará un fanzine sobre o escritor homenaxeado en 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Os talleres terán lugar no Milladoiro o venres 20 de maio, ás 17.30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión será o sábado 21, ás 11.30 horas. Ata o 18 de maio poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que o de Bertamiráns é o 981 88 48 29. Xa o venres 20 no Pazo da Peregrina, Foliada de Apego ás 18.00 horas con Café Dorothé, de Penadique e Da silva.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.