Concellos

Volve o Carme dos Pincheiros con cabezudos e vinte grupos

A Pobra recupera a súa emblemática festa do 19 ó 22 // O cartel inclúe os San Juerguines, unha Festa da Auga e combate naval

  • 04 ago 2022 / 17:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A localidade da Pobra do Caramiñal prepárase para outra das súas grandes festas do verán: o Carme dos Pincheiros. Unha tradición que se remonta a un par de séculos atrás cando os mariñeiros que se dedicaban á pesca do pincho facían unha celebración na honra da Virxe do Carme, cando remataban coa campaña no mes de agosto.

E este ano a festividade regresa con forzas renovadas, do 19 ó 22 tras dous anos de parada por mor da covid.

O alcalde, Lois Piñeiro; a edil de Cultura, Patricia Lojo; e representantes da comisión de festas (Jean Louis Vaiarello, Jesús Maneiro, José Luís Piñeiro, José Francisco Fernández e Juan Ramón Fernández), presentaron o programa, que ten como unha das principais atraccións o desfile de xigantes e cabezudos que alegrarán cos seus bailes as rúas da vila en diferentes momentos ao longo dos catro días de celebración.

Este evento festivo destacará tamén pola participación de numerosos grupos de música tradicional e bandas de música de toda Galicia, ademais de orquestras e DJ, aínda que tamén con presenza do folclore doutros lugares de España. Máis de vinte formacións musicais farán vibrar o municipio ao seu ritmo: Trécola, a charanga Os Santiaguiños, a Banda de Música de Ribadumia, a Banda de Música de Caamaño, a Banda de Gaitas Ximiela, Xiada, Arume, Pequenos do Barbanza, Andavía, Caraveiros, a charanga Batukabras, a Banda Militar da Brilat, a Banda de Música de Catoira, a Banda de Calo, Arrancadeira, Queicoa, a Banda de Gaitas Sons da Ría, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e as orquestras Foliada D’Ases, Venezia, Finisterre, América SL e Marbella.

O pregón das festas terá lugar o venres 19, ás 21.00 horas, dende o balcón da casa consistorial. Previamente, na igrexa de Santa María A Antiga do Caramiñal celebrarase ás 19.30 horas a imposición de escapularios aos novos confrades para dar paso á misa solemne por todos os confrades falecidos, cantada pola coral Lauda Sion.

Outra das actividades agardadas, especialmente pola mocidade, son os San Juerguines, que se desenvolverán o sábado día 20 e que inclúen pasabares, Festa da Auga, olimpíada pincheira e a música de Planet Disco Móvil.

E o domingo 21, ás 18.30 horas, oficiarase no citado templo a misa solemne na honra da Virxe do Carme, interpretada pola coral Lauda Sion. Ao seu remate sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polas bandeirolas e a Banda Militar da Brilat, xunto coa Banda de Música de Catoira, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e os xigantes e cabezudos da Confraría do Carme dos Pincheiros, coa colaboración da escola de danza da Asociación de Amas de Casa pobrense.

No peirao realizarase a ofrenda das coroas de flores por representantes da Asociación de Amas de Casa e da confraría. Finalmente, lanzarase a tradicional traca de fogos. A programación tamén inclúe propostas pensadas para as crianzas, como xogos populares, unha Festa da Escuma e Pincheirolandia.

A gran queima de fogos de artificio e o combate naval do luns 22 serán o colofón.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.