Concellos

Volven as Noites en Vela a Ponte Maceira o día 23

As Maianas serán as encargadas de inaugurar a cita // Actuará de seguido o grupo Caldo // Haberá fogos artificiais ao remate

  • 20 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de dous anos de parón por mor da pandemia, este sábado 23 de xullo volven as Noites en Vela a Ponte Maceira. Abrirán o festexo As Maianas, ás 21.00 horas, e de seguido, ás 22.00 horas, actuará o grupo Caldo.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “as Noites en Vela son un programa xa consolidado que sempre é garantía de éxito”. Trátase de ensalzar “un lugar de gran valor paisaxístico e patrimonial como é A Ponte Maceira, que acaba de ser declarada ben de interese cultural e forma parte da rede de pobos máis bonitos de España”, lembra a edil.

Con respecto ás actuacións cabe resaltar que As Maianas son un grupo de cantareiras que naceu nun obradoiro de música tradicional do concello de Ames, onde se coñeceron todas as integrantes e gravaron un disco promocional: Xota da Amaía, cun repertorio puramente tradicional. No ano 2007 comezou a súa andaina xuntas, coa constitución do grupo. Introducindo temas de composición propia, mesturados con creación melódica e lírica, apostando polos xogos vocais e a esencia da tradición adaptada ao seu sentimento.

As súas voces están acompañadas por instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, así como outros instrumentos como cunchas ou cuncas. A percusión corporal, o son do clarinete, da frauta tenor e da guitarra española dan un toque maiano aos arranxos das pezas. Como resultado desta nova andaina xurdiu no ano 2011 o seu primeiro traballo discográfico como Maianas: Como canta. Ao ano seguinte, colaboraron co dúo pontevedrés Quodlibet e o seu proxecto Mistura, participando na gravación do seu primeiro disco, A cor do son. No verán de 2012 recibiron o premio do Xurado no concurso da Radio Galega Vas sacar nota? polo tema Xa te olvidaches de min. Ademais, dende o 2013 colaboran coa banda de gaitas Os Coribantes (Pontecaldelas). No ano 2015 gañaron o concurso Novos Valores promovido polo Festigal. En xaneiro de 2020 presentaron un novo traballo: De trisca!.

A outra actuación correrá a cargo do grupo Caldo. Neste caso trátase dunha agrupación formada por María Jorge, ao violín; Anais Barbier, voz e pandeireta; e Pedro Fariñas, na guitarra. Ofrecerán un concerto baseado en melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias ás que lles imprimiron aires europeos e atlánticos.

O grupo Caldo é unha formación que aposta pola composición de temas propios e a revisión do patrimonio musical galego, baseado fundamentalmente na aldea de Moscoso (Pontevedra) como fío condutor do seu álbum. Teñen un directo moi vivo e o seu bo facer fíxoos merecedores do Premio Martín Códax na categoría de folk. Tamén foron gañadores do concurso Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña.

Dende o Concello lembran que ao remate dos concertos haberá fogos de artificio. Esta iniciativa está organizada polos Concellos de Ames e Negreira e conta coa colaboración da Xunta a través do programa Cultura no Camiño.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.