Deportes
É completamente imposible garantir o risco cero na volta á escola // O “teatro da seguridade”, tamén na educación, incrementa o perigo // Cabe cuestionarse se as medidas propostas son realmente eficaces para combater contra a pandemia

Entropías improvisadas, mamparas intra burbulla

  • 14 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Xa está aquí o regreso ás aulas, ese Aninovo a efectos prácticos para familias e institucións. Como todo nesta época estrana, tamén isto semella que vai estar marcado pola pandemia. Son os tempos COVID. Todo é distinto.

Ultimamente, os que nos adicamos ao ensino vimos dándolle voltas á maneira de afrontar esta reanudación da actividade lectiva coas máximas garantías. Por todas partes propóñense medidas que poden contribuír a incrementar a seguridade. Algunhas amosaron ser asumibles por parte da Administración. Outras, por diversos motivos -fundamentalmente o económico-, non.

Poderoso cabaleiro.

Talvez sexa hora de poñer distancia. De observar con perspectiva a situación cos pés na terra, sendo realistas. E sobre todo, sen alarmismos.

A volta ao cole non vai garantir a seguridade do alumnado. Non, non o vai facer. Non pode facelo, de feito. Neste contexto non existe o risco cero. Pode parecer duro, pero ... é que o risco cero existe na vida?

Repasemos o concepto Teatro da seguridade (Security Theather) acuñado por Bruce Schneier. No seu libro Beyond Fear, este autor pon sobre a mesa unha reflexión a raíz das medidas de seguridade adoptadas nos aeroportos tras os atentados do 11-S. Faise, por exemplo, as seguintes preguntas:

Ten sentido que millóns de persoas pasen cada día por uns controis esaxeradamente exhaustivos? Vaise evitar o próximo atentado aéreo facendo que a xente ande descalza polo aeroporto?

A resposta é obvia. Os que vaian atentar nese eido buscarán a maneira de facelo evitando eses controis. Ata aí chegamos todos. É a pregunta seguinte a que nos debe facer reaccionar.

Entón, non estaremos desperdiciando os recursos existentes en algo inútil? E o que é talvez máis preocupante... non estaremos vivindo nun teatro que nos leva a relaxarnos cando seguimos estando en perigo?

De feito, afirma Schneier, a situación é incluso máis perigosa por culpa dese teatro. Invístense os medios e focalízase a atención onde non se debe. Iso provoca que non se invistan recursos onde realmente faría falta.

Extrapolando o concepto ao reinicio do curso escolar, parece que matar moscas a canonazos non vai axudar a manter a raia o virus. Espallar os pupitres dentro dunha aula a metro e medio non ten sentido se eses mesmos alumnos se tocan dentro e fóra da aula. Agora vanse dotar as aulas de mamparas. Pero non eran grupos-burbulla? Non sería mellor investir en profesorado?

Sen recorrer a exemplos frívolos, pero empregando o sentido común, pensar que nen@s de oito anos van manter o tapabocas e evitar todo tipo de contacto coas súas compañeir@s é unha demostración práctica de efecto avestruz. Co perigo que implica meter a cabeza nun burato para non ver o que realmente acontece. Claro que vai haber contacto entre a rapazada, por moitas medidas que se adopten. E os grupos-burbulla dos que tanto se leva falado son, simplemente, unha falacia. Así o afirma Julio Rodríguez, presidente da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas (AGAPEMA). Este profesional propón diversas medidas destinadas a diminuír o número de interaccións entre suxeitos. Entre elas, e pasando pola redución de ratios (o que implica investir, neste momento de emerxencia, en profesorado), están o agrupamento de materias en bloques de dúas sesións (menos tránsito de profesorado dunha aula a outra), o axuste de horarios dos centros e a previsión dun plan B (o programa e-dixgal solucionaría a papeleta en varios niveis).

Todo elo asumindo a excepcionalidade deste curso escolar. Nel, seguramente o alumnado vaia adquirir menos contidos curriculares. Non pasa nada. Repitan comigo.

Non. Pasa. Nada.

A aprendizaxe compénsase (supérase con creces, baixo a miña opinión) coa experiencia vital de afrontar as dificultades propoñendo solucións creativas. En positivo, e coa actitude máis constructiva posible. Todo para concluír, cun sorriso, que disto saímos tod@s xunt@s.

A alguén se lle ocorre unha mellor aprendizaxe para a vida?

Son o primeiro en afirmar que a presencialidade é necesaria. A educación pública ten como fin principal o de garantir que cada persoa, independentemente de onde naza e no seo de que familia, teña acceso aos contidos que a sociedade considera básicos. Pero vivimos unha situación de excepcionalidade temporal. Temporal, non o esquezamos.

Por iso, para os cursos máis altos (Bacharelato, FP e Universidade) a semipresencialidade debía ser proposta pola propia Administración. Se o alumnado pode traballar dende as casas (este alumnado non precisa vixilancia familiar), para que poñelos en risco?

Parece que esta entropía na que imos mergullar neste curso (cada día improvísase unha medida nova. Mentres escribo estas liñas acábase de anunciar que se adía o comezo das clases unha semana) vai requerir de calma, creatividade, responsabilidade e paciencia. Todo iso, cónstame, sóbralle ao equipo directivo do meu centro, o IES Rosalía de Castro. Tamén ao persoal de administración e servizos e á ANPA. Non porque eu o diga, os datos avalan este feito. Este centro público segue a ser o que mellor nota media acada, ano tras ano, nas probas de acceso á universidade de toda Galicia. Non é casual. Detrás desa marca está o traballo dun equipo liderado polo incansable Xavier Mouriño. E digo incansable porque me consta que non coñece o repouso cando de mellorar a calidade do ensino se trata.

Aí estiveron todo o verán. Ao pé do canón. Afrontando as dificultades. Propoñendo solucións cando peor se poñían as cousas. Incluso cando a Administración cambia de criterio coma de camisa. Para iso estamos, por suposto. O noso alumnado meréceo. Porque velos esforzarse e mellorar é a meirande satisfacción que podemos coñecer. Porque eles e elas son o futuro deste mundo.

Ánimo, mestres. Familias, Administración, persoal de servizos e, sobre todo, alumnado. Moitos azos.

Entre tod@s podemos. Nunca esquezamos que non hai fin máis elevado que o de loitar por un mundo mellor.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.