Deportes

“Este Compos non se vai parecer ao da primeira xornada”

Pablo Antas, convencido de mostrarlle ao líder o crecemento do grupo desde a única derrota

  • 14 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de adiarse a visita da SD Compostela ao Salamanca CF UDS polas consecuencias da borrasca Filomena, o cadro branquiazul inicia oficialmente o ano 2021 e a segunda volta recibindo este sábado ao líder do Subgrupo 1A de Segunda B, o Unionistas (16.30 horas). O único rival capaz de bater á SD esta tempada chega ao Vero Boquete, pero os de Yago Iglesias ansían demostrar o seu crecemento desde aquel precedente.

O Compos caeu por 2-0 na apertura do campionato, e o centrocampista Pablo Antas móstrase convencido de que a versión deste sábado será moi distinta. “Daquel partido, o que seguro que non se vai parecer é o Compostela que se atoparon alí na primeira xornada. Iso témolo claro. Temos gañas de volver xogar, de facelo contra eles porque aquel partido deixounos un mal sabor de boca a todos de como iniciamos a liga. Estamos con moitas gañas de que chegue o sábado”, apuntou o de Monterroso en rolda de prensa.

O mediocentro admite que a decisión de suspender o partido do pasado domingo foi “acertada” ante o forte temporal, ao tempo que sinala o desexo do plantel de competir logo dun mes sen facelo pola pausa de Nadal. “Neste parón xogamos o Emma Cuervo e un partido co xuvenil, pero non é o mesmo. A competición é distinta, ese ritmo que tiñamos antes é un pouco incógnita porque levas un mes sen xogar un partido oficial. Polas gañas que ten o equipo, por como está traballando, non teño dúbida de que o sábado imos saír con esas gañas para imprimir ese ritmo que levabamos de antes e recuperar sensacións”, confía.

Só o Deportivo foi capaz de ganar a un Unionistas afianzado no liderato, e que apenas encaixou tres goles no que vai de campionato. Pablo Antas destaca o seu bloque. “É un equipo coas ideas moi claras, moi sólido nese 4-4-2 con Aythami e De la Nava arriba, que ás veces é un 4-4-1-1 en fase defensiva. Saben a que xogan, son moi solidarios en defensa e é moi difícil facerlles ocasións. Cando recuperan o balón saben o que fan, contraatacan moi ben, teñen os automatismos moi claros. É un equipo moi ben traballado e será difícil”, vaticina.

CÓMODOS NA CASA. Cun encontro pendente da primeira volta, o Compos inicia a segunda e o balance é bo malia que Antas súmase á opinión xeralizada de que o xogo mostrado ata o momento merecería levar máis puntos. Iso si, o equipo está invicto no Vero Boquete e o centrocampista insta a manter esa liña e mesmo mellorala. “Na casa sentímonos moi cómodos. O ano pasado xa sufrimos unha derrota, a do UD Ourense, e este non pero tamén tivemos dous empates que nos deixaron ese sabor agridoce e temos gañas de volver gañar aquí”, apunta. “Sabemos que polos partidos da casa pasa moito do noso obxectivo. Temos gañas de que chegue o sábado e de gañar, non pensamos noutra cousa”, engade.

Ese obxectivo non é outro que a permanencia. A suspensión da pasada fin de semana provocou que o Compostela caese á zona para xogar pola salvación pero a traxectoria é moi positiva, e preguntado por se había marxe para soñar con algo máis, Pablo Antas foi claro: “De soñar non se vive. Soñar está moi ben, pero o que manda é o que facemos dentro. Sabemos que temos once puntos e queremos sumar os máximos posibles. Se nos alcanza para estar da metade para arriba, perfecto; e se non, pois xa sabemos cal é o obxectivo”.

ADIADO
A SALAMANCA O VINDEIRO MÉRCORES

··· Xa hai data para a cita entre Salamanca e Compostela que se suspendeu a pasada fin de semana. O encontro correspondente á novena xornada, última da primeira volta, disputarase o vindeiro mércores en El Helmántico (16.30 horas, televisado por Footers). O equipo branquiazul terá tres partidos en apenas unha semana, pois na seguinte xornada visitará ao Deportivo en Riazor, sen día nin horario confirmados.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.