Deportes

Galicia vence e convence na estrea da Copa das Rexións

Superou a Eslovenia por 3-0 na Lomba e xa lidera o grupo // No outro partido Hungría gañou pola mínima a Suiza en Baltar

  • 07 oct 2022 / 00:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Unha vitoria para soñar. A Selección Galega UEFA estreouse ao grande na Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA. Fíxoo cun triunfo moi traballado e brillante sobre Eslovenia (3-0). Os locais dispuxeron de varias ocasións de gol para que o marcador fose máis abultado, pero as intervencións do meta esloveno evitaron que a vitoria fora máis clara para Galicia. Félix Rial na primeira metade e Álex Rey cun golazo na segunda e Coti na recta final acabaron coa resistencia eslovena en A Lomba.

España (Galicia): Ramón; Jesús Varela, Martín Sánchez (Aarón, min.81), Antonio, Cotilla; Ube (Javicho, min.65), Kopa; Juanín (Carlos Cora, min.76), Félix Rial, Álex Rey (Aitor Díaz, min.81) e Adri Otero (Chiño, min.76).

Eslovenia (Ljubjlana): Jan Jancigaj; Taik Kojic, David Dedic,, Jon Fridl Jarc, Gaj Kunstelj; Zan Klancar, Anel Puskar, Din Zulic (Ziga Majcen, min.65), Jan Kerzic, Amel Sakanovic (Saso Dolinar, min.43) e Marcel Barle (Jan Haznadar, min.46).

Goles: 1-0, min.47: Félix Rial; 2-0, min.71: Álex Rey; 3-0, min. 88: Coti.

Árbitro: Jorgen Burchardt (Dinamarca). Cartón amarelo a Javicho.

Campo: Estadio municipal da Lomba, en Vilagarcía.

De inicio, Galicia saíu a mandar. O elenco preparado por Iván Cancela quixo facerse coa posesión da pelota desde o asubío inicial. A primeira chegada clara para Galicia chegou ao cuarto de hora de envite cun lanzamento de Juanín que detivo o porteiro esloveno. A acción espoleou aos nosos, que seguiron mandando sobre o tapete da Lomba a través da posesión do esférico.

Eslovenia, pola súa banda, saíu coas ideas claras: liñas xuntas e agardar a súa oportunidade en rápidas transicións. Con todo, a máis clara foi de novo para Galicia. No minuto 20, o colexiado sinalou unha pena máxima a favor dos galegos tras unha derriba na área sobre Félix Rial. Jesús Varela asumiu a responsabilidade, pero apareceu o gardameta esloveno para evitar o 1-0.

Pese ao erro, Galicia non baixou o ritmo e meteu unha marcha máis á contenda. Juanín volveu tentar á media hora de partido, pero o seu disparo desde fóra da área marchouse por pouco.

A selección galega continuou monopolizando a posesión do coiro durante a primeira metade, aínda que na recta final non dispuxo de chegadas sobre a meta eslovena e chegou o descanso co empate sen goles.

Tras o paso polos vestiarios, a decoración da contenda non variou na segunda parte. Galicia seguiu mandando a través da posesión da pelota e ao fin puido abrir o marcador grazas ao tanto de Félix Rial no minuto 47. Jesús Varela púxoa desde a dereita e Félix rematou ao fondo da meta eslovena.

Co 1-0 no marcador, Galicia non baixou o ritmo e foi a por máis. A insistencia tivo premio, posto que Álex Rey, cunha xogada individual estratosférica, puxo terra de por medio no minuto 71 co 2-0.

Malia a diferenza no electrónico e sobre o verde de A Lomba, os galegos foron a por máis. Coti, xogando na casa, en Vilagarcía, uniuse á festa galega na recta final para desatar a euforia na bancada. Galicia vence e convence. Xa manda na Copa das Rexións.

HUNGRÍA TAMÉN GANA. Hungría sumou os tres primeiros puntos desta Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA tras superar pola mínima a Suiza (0-1) no encontro que inaugurou o torneo no campo de Baltar, en Portonovo.

Tema marcado como favorito