Deportes
A vindeira semana terá lugar a presentación do volume ‘SD Compostela 1962-2022’, editado por Teófilo Edicións e creado por César e Lito Vila Baleato // Recompílase a historia da entidade a través de 600 fotografías, estatística e anécdotas TEXTO M. R.

O libro que reúne 60 anos de sentimento branquiazul

  • 10 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A sexta edición da Selic. Festival da Lectura vai ser o escenario dunha conversa colectiva arredor dos sesenta anos da Sociedade Deportiva Compostela, un coloquio que servirá de presentación do volume S.D. Compostela 1962-2022. 60 anos de sentimento branquiazul, editado por Teófilo Edicións e creado por César e Lito Vila Baleato. O acto terá lugar, na Praza do Toural, o vindeiro xoves, 16 de xuño, ás 17.00 horas, e contará coa presenza dos autores, do editor, de Roberto Baleato (xogador da S.D. Compostela nas últimas tres tempadas) e de Jesús Torres (director da Biblioteca Ánxel Casal e ex xogador da S.D. Compostela).

Creado polos irmáns César e Lito Vila Baleato, o volume S.D. Compostela, 1962-2022. 60 anos de sentimento branquiazul reúne de modo exhaustivo a historia da sociedade deportiva da cidade, desde a súa creación en 1962 até a actualidade, contando cunha extensa documentación e material gráfico –moitas imaxes proceden do arquivo de EL CORREO GALLEGO. “Reunimos unhas 600 fotografías nun volume que conta case 300 páxinas”, comenta Lito Vila Baleato, responsable da narración do volume, mentres César Vila recompilou unha inxente cantidade de material gráfico.

“Recollemos no libro desde a acta fundacional da S.D. a fotografías de xogadores de todas as épocas, hai un resumo fotográfico especial dos anos de Primeira División e tamén hai curiosidades, como unha fotografía de Andrés Iniesta de rapaz, nunha publicidade, na que vestía a equipación do Compos”, resume César Vila Baleato.

MOITA DOCUMENTACIÓN. O ascenso a 2ª B da S.D. Compostela en 2020 fixo lembrar aos irmáns Vila Baleato que en tan só dous anos sería o sesenta aniversario da entidade, e desta forma tan casual xorde o volume, que se singulariza porque “reúne os primeiros anos de historia, que era a época que contaba con máis material e, por suposto, da tempada en Primeira”, comenta Lito Vila, “pero desde o descenso, nos últimos vinte anos, apenas había ningún material, que si vén recollido na nosa obra”. Unha idea na que redunda o seu irmán César explicando que se reuniu moita documentación achegada pola actual directiva, o que permite verter luz sobre o total da historia da Sociedade e que “quen merque o libro poderá ir a calquera época da historia do Compos”, remarca César Vila.

Un libro que define tamén de “lectura sinxela, cunha distribución moi dinámica entre a imaxe e o texto que agradará ás persoas seguidoras do Compostela, e tamén a calquera afeccionado ao fútbol e, por suposto, a todo aquel que sexa de Santiago”.

No evento da Selic, os autores reuniranse co propio editor (José Luis Teófilo) e con dous xogadores do club, un actual (Roberto Baleato) e outro que o foi no pasado (Jesús Torres), e con eles o público poderá coñecer a historia da fundación da S.D Compostela, os seus ascensos e descensos á Segunda División ou a situación actual do club. Un coloquio que tamén estará aberto á participación do público da Selic.

NO AUDITORIO DA FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL. Esta non será a única presentación deste libro que se organizará a vindeira semana, posto que o mércores (15 de xuño) tamén se presentará en sociedade no auditorio da Federación Galega de Fútbol (19.30 horas).

Hai que destacar que o dianteiro brasileiro Ronaldo Nazario, coincidindo coa súa chegada á praza do Obradoiro o pasado mércores, despois de realizar o Camiño de Inverno en bicicleta para conmemorar o ascenso do Real Valladolid, xa recibiu de mans do editor, José Luis Teófilo, un exemplar do libro.

Tema marcado como favorito