Deportes
MANUEL CASTIÑEIRAS Director deportivo da SD Compostela

“Teño mil chamadas de representantes para ofrecernos xogadores”

{Santiago 1979} Acometerá a misión de reforzar o plantel para competir na Segunda División B // Aposta pola continuidade dun 90 % dos xogadores actuais, asinando unicamente futbolistas que cheguen para mellorar o equipo // Será unha plantilla de vinte ou vinteún xogadores, segundo permita o orzamento, e para non pechar a porta aos máis novos // O proxecto seguirá a mesma liña destes anos

  • 28 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de tanto tempo loitando por el, houbo tempo xa de saborear e asimilar o ascenso acadado?

Levabamos tempo perseguíndoo. Xa o disfrutamos estes dous días, o sábado ao acabar o partido, o domingo e hoxe coa despedida, os actos do Concello e a comida. Agora toca descansar, sobre todo aos xogadores e ao corpo técnico. A min tócame a parte dura de traballo, pero estou satisfeito e contento porque co obxectivo cumprido trabállase máis a gusto.

Efectivamente, descanso para os xogadores e o corpo técnico, pero non para vostede. Xa comezou a confeccionar o próximo plantel?

Estas semanas xa ía traballando un pouco no que podía suceder. Hai algunhas cousas máis encamiñadas, que as temos un pouquiño máis claras, pero agora estou pendente de reunirme con Yago e pechar a súa renovación. Despois terei que consensuar con el estas cousas que teño en mente.

Nótanse as portas que abre a nova categoría á hora de negociar nesta primeira toma de contacto?

Xa se está notando. O día de onte e de hoxe teño mil whatsapps e moitísimas chamadas de representantes ofrecendo xogadores. Nese sentido a categoría aumenta as posibilidades, é unha categoría máis atractiva e todos intentan meterse en clubs de Segunda B. Neste caso, o Compostela creo que é unha praza atractiva para moitos e estou recibindo moitísimos ofrecementos, pero de momento hai que esperar e consensuar co míster o perfil que necesitamos. A partir de aí poñerémonos a mirar as opcións que hai. O importante é ter unha idea e a partir dela centrarse no que queremos.

A pesar de que a maioría do polantel ten contrato, agarda que se produzan moitas baixas?

A día de hoxe conto con que o 90 % da plantilla continúe. Os retoques non van ser moitos, pero os que sexan hai que telos claros e teñen que vir para mellorar o equipo.

Tendo en conta que hai equipos que levan desde marzo traballando no proxecto do vindeiro ano, que moitos xogadores renovaran automaticamente vai ser toda unha garantía para contrarrestar os meses de desvantaxe.

Iso é unha vantaxe, pero é algo que xa tiñamos en mente independentemente do que pasou co confinamento. A nosa idea era darlle continuidade ao bloque, como viñemos facendo estas tempadas. Ter un bloque feito facilita moito o traballo, ter que retocar cinco ou seis cousiñas é moito máis fácil para traballar despois. E máis se che pasa como esta tempada, que podes ir con retraso con outros equipos, evidentemente é unha vantaxe fronte a outros equipos que igual teñen que facer doce ou trece fichaxes. Vas chegar tarde a certos xogadores e igual non poderías firmar o que che gustaría.

Cal vai ser o perfil de xogadores polos que se vai apostar?

Variará un pouco. Necesitamos firmar xogadores sub-23, sobre todo, porque non temos apenas. Miraremos moito ese perfil sub-23, e despois, a filosofía do club vai ser a mesma: tentar buscar xogadores de nivel para a categoría e que sexan da zona, de Santiago, arredores ou de Galicia, se pode ser. A nosa idea é manter a filosofía de non buscar fóra o que poidamos atopar aquí.

Hai algún posto no que se precise facer especial fincapé, aparte do de central, do que tanto tempo vimos falando.

Loxicamente o posto de central é dos que están máis coxos, e sobre todo o perfil de central zurdo que levamos buscando ultimamente, que custa moito atopar. Sería un perfil a buscar. En medio campo tamén habería que buscar algún mediocentro, porque agora mesmo só estaría Samu, Antas e Baleato. Hai algunhas posicións que xa é evidente que hai que reforzar, e despois hai que evaluar o resto. Tentarei consensuar iso con Yago. Xa ao largo da tempada imos falando, temos unha idea máis ou menos clara do que podemos necesitar, pero hai que sentarse e reafirmala.

Estes anos estaban a apostar por plantillas curtas, tanto para que todos se sentiran importantes como por razóns orzamentarias. Ampliarase o plantel en Segunda B?

Iso tamén vai depender do presuposto que poidamos ter para fichar. En función do custo das fichaxes que cheguen miraremos, pero máis ou menos os números irán entre os vinte e os vinteún xogadores. O mínimo serán vinte. Se podemos chegar aos vinteún, mellor, e despois botar man dos rapaces xuvenís que adestran con nós. Queremos que estean aí e sigan formándose para o día de mañá poder formar parte do primeiro equipo. Tamén queremos que teñan o seu oco no día a día do primeiro equipo para que progresen. Se facemos unha plantilla demasiado ampla estariámoslle tapando esa posibilidade.

A nivel de nomes, unha das primeiras operacións podería ser a de Juampa?

É un xogador da casa, de bo nivel, que podía ser unha opción. A día de hoxe descoñezo a súa situación. Unha vez que fale con Yago poñerémonos mans á obra. É un perfil de xogador evidentemente interesante.

Xogadores con moitos minutos como Brais, Hugo e Saro rematan contrato. Renovarán?

Teño pendente conversar con eles. Son optimista. Creo que van continuar, creo que aquí están a gusto, máis aínda despois de lograr o ascenso. Espero que non haxa ningún tipo de problema para que continúen.

Hai algún xogador da actual plantilla que xa lle comunicara a súa intención de cambiar de aires para a próxima tempada?

Non, a día de hoxe eu creo que todos están contentos aquí e creo que a idea de todos é poder continuar aquí, salvo que pase algo e que non poidamos chegar a un acordo. Ou que chegado o caso tamén tivesen unha oferta moi importante doutro equipo. A día de hoxe eu son optimista e espero que non haxa ningún problema.

O primeiro paso para acabar de confeccionar o plantel será atar a continuidade do adestrador, Yago Iglesias, un segredo a voces.

Eu quero que continúe e son optimista, pero loxicamente hai que chegar a un acordo. Descoñezo agora mesmo se ten ofertas doutros clubs, que tamén podería valorar. Cónstame que el aquí está contento, iniciou o proxecto e gustaríalle continuar, e eu creo que quere continuar. Pero, loxicamente, ten que valorar todas as opcións. Teño que sentarme con el para presentarlle o que nós lle podemos ofrecer, e a partir de aí chegar a un acordo que eu espero que alcancemos. Eu entendo que el debe ser o noso adestrador a tempada que vén.

Cando ten previsto sentar e comezar a falar con el?

Desde logo. A miña intención é falar con el canto antes. Se pode ser mañá, non esperar a pasado mañá. Teño que definilo aínda, pero espero que sexa en breves.

Polas súas posibilidades en canto ao plantel, por onde cre que se pode mover o Compos o ano que vén?

A Segunda B vai un pouco en función do grupo no que esteas, pero sempre se define porque hai seis, sete ou oito equipos cun potencial económico grande, que son os que pelexan por subir a Segunda. E a partir de aí hai un abano de equipos que son dun nivel moi parello que intentan salvar a categoría de maneira solvente e achegarse a eses postos de play-off e da Copa do Rei. Eu creo que o noso obxectivo é competir o mellor posible e lograr a salvación canto antes e estar tranquilos. Non creo que nos teñamos que marcar máis obxectivo ca ese, ser un equipo competitivo, e se se logra a salvación con folgura xa se verá se se pode optar a algunha cousiña máis, pero nós imos seguir facendo as cousas como ata agora, con tranquilidade e seguir medrando pouco a pouco.

MERCADO
PRIMEIRAS OPERACIÓNS EN MARCHA

Semanas de traballo Os meses de verán son os máis esixentes para un director deportivo. Iso sábeo ben Manuel Castiñeiras, que un ano máis tentará aplicarse para solventar a papeleta con nota. Parte do traballo xa está feito, pois o club conta a día de hoxe con quince xogadores en nómina para a tempada vindeira.

Movementos O primeiro paso será asinar a renovación de Yago Iglesias como adestrador. Castiñeiras, que agarda comezar a falar con el entre hoxe e mañá, confía na súa continuidade. Este paso dará luz verde ás opcións nas que xa traballa a secretaría técnica.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.