Deportes
Todo pasou na Coruña, cidade feita de fútbol e cancións // Nin os campións do Mundial 2010 nin os das Eurocopas de 2008 e 2012, o único Balón de Ouro da historia do fútbol español saíu da localidade galega, do barrio de Monte Alto

Un galáctico na fin do mundo

  • 20 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Hai uns anos, Xurxo Souto dirixiu un documental biográfico sobre un cantante nacido en 1929. Un rapaz de voz portentosa que xa de meniño, segundo o líder dos Diplomáticos de Monte Alto, enfeitizaba ás lavandeiras que traballaban á beira do río. Tanto, que aquelas mulleres deixaban de lado o traballo para escoitalo cantar. De aí que a película leve por título Un crooner na fin do mundo. O protagonista, un tal Pucho Boedo. A gran voz da nosa terra.

A historia que contamos hoxe tamén nos leva a unha fin do mundo. Galicia enteira é unha Finis Terrae, pero hai nela algúns lugares nos que ese carácter de Penn ar Bed se acentúa.

Un deles é a patria dos Diplomáticos, precisamente. O barrio coruñés de Monte Alto.

Na Coruña da postguerra o propio pai de Boedo, militante da CNT, foi asasinado pola represión fascista. El e moitos outros pasaron polo cárcere, aínda hoxe ubicado no propio barrio aínda que hai tempo que en desuso. Outros sufriron un destino tráxico no Campo da Rata, hoxe dos Menhires, onde foron fusilados polo bando golpista. Historias que podemos atopar nas páxinas do mestre Manolo Rivas, outro ilustre habitante do barrio (por exemplo, no Lápis do carpinteiro, novela baseada na historia persoal de Camilo Díaz Baliño -pai de Isaac Díaz Pardo-).

Monte Alto é a síntese perfecta da Galicia do S. XX. Un éxodo rural masivo e caótico que levou a miles de labregos a apiñarse en barrios obreiros, e ao agro do país a esmorecer ata converterse nun ermo case despoboado. Realidades paralelas que ilustran ese carácter tan peculiar da nosa terra, nación de Breogán en estado puro. Alí conviven séptimos sen ascensor con templos da cultura underground como a sala Mardi Gras. As obras máis nefastas da arquitectura desarrollista cun monumento milenario catalogado como Patrimonio da Humanidade. Museos vangardistas con tascas de brisca e dominó ancoradas nos anos sesenta. Un barrio tan metido no Atlántico que parecese navegar. Coma os barcos dos milesios na súa singladura cara á illa albiscada por Ith dende o alto da Torre de Hércules. Algo que segundo a mitoloxía irlandesa (Lebor Gabála Érenn) aconteceu alí mesmo, no que hoxe é Monte Alto.

Lóxico que fose nese barrio onde nacese outro gran símbolo da cultura galega do século pasado. O mellor futbolista da nosa Historia. Na avenida de Hércules, onde rexentaban unha carnicería os seus pais, nace en 1935 Luís Suárez Miramontes. O único Balón de Ouro nacido en España.

Sexa ou non profético que comezase a súa andaina nas filas do Perseverancia Club de Fútbol, o caso é que pronto pasou ao Deportivo e dalí, en tan só un ano, ao FC Barcelona. Nese club chegaría a disputar unha final de Copa de Europa, e gañaría o Balón de Ouro antes de marchar a Milán. Alí, no FC Internazionale, acabaríase de forxar a súa lenda. Tres Scudettos, dúas Copas de Europa e dúas Intercontinentais consecutivas ás ordes de Helenio Herrera sumaríanse á Eurocopa acadada coa selección española en 1964. Atrás quedarían outros dous Balóns de Prata e outro de Bronce. Un auténtico mito.

Unha figura que non se podería entender sen a dimensión do fútbol afeccionado nesa época. Na Coruña, cada barrio tiña un equipo que representaba o orgullo da súa mocidade e a paixón dos seus maiores. A cidade respiraba fútbol polos catro costados. Clubs como o Imperátor, Orillamar ou o Maravillas SD. Como o Club Torre, o Orzán CD ou o Ural (que anos despois dirixiría un adolescente Augusto César Lendoiro, que xa despuntaba). É nese contexto onde tamén xurde Amancio Amaro (1939), gran figura xunto con Paco Gento daquel Real Madrid que conqueriu a sexta Copa de Europa cun plantel de xogadores exclusivamente españois. O mesmo Amancio que tempo despois, xa como adestrador, sería recoñecido como arquitecto da mítica Quinta del Buitre.

Momentos difíciles. Alí tivo lugar o primeiro torneo de verán. Corría o ano 1946. Comezan os tempos nos que o mellor fútbol do mundo se xogaba en Riazor. O trofeo Teresa Herrera traía ano tras ano os mellores equipos do mundo e, xa que logo, as estrelas máis refulxentes do universo futbolístico. Pelé, Garrincha, Di Stéfano. Zarra, Vavá, Zico. E así, ata o infinito.

Todo iso pasou na Coruña, cidade feita de fútbol e cancións. Hoxe a cidade vive momentos difíciles no eido futbolístico, pero algún día verá reverdecer os laureis. Cunha Historia así non pode ser doutro xeito. E non porque sexa sede dun campión de Liga -lembremos que só sete cidades en España poden presumir de tal proeza-, senón porque o deporte forma parte do seu ADN.

Alí, en Monte Alto, deu as primeiras patadas un meniño que acabaría por se converter nun ídolo do deporte mundial.

Nin Iniesta, Raúl nin Iríbar. Nin Zarra, Xavi nin Casillas. Nin os campións do Mundial 2010 nin os das Eurocopas 2008 e 2012. No século e medio de Historia do fútbol español, o único Balón de Ouro saiu da cidade galega da Coruña. En concreto, dun barrio proletario que navega cada día entre as vagas salvaxes da mar océana.

Luís Suárez Miramontes. Un galáctico na fin do mundo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.