Deportes

Xunta e Clúster destacan o deporte no proceso de mellora social e económica

Lete Lasa mira con esperanza cara a creación da Conta Satélite do Deporte, coa implicación do Instituto Galego de Estatística

  • 13 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o diretor do IGAPE, Fernando Guldrís, participaron na I Xornada Galega da Industria do Deporte, organizada polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar en colaboración coa Xunta de Galicia. O acto contou asemade coa participación do director do Clúster, Miguel Valín, e da súa xerente, Sofía Toro.

Na mesa inaugural da xornada, o secretario xeral felicitou ao Clúster “pola súa indudable necesidade e achega na contribución do deporte ao proceso de mellora social, económica e competitiva de Galicia” e mirou con esperanza cara a creación da Conta Satélite do Deporte, coa implicación do Instituto Galego de Estatística que, sen dúbida, servirá para profundizar no noso sector, identificando con rigorosidade e poñendo en valor a súa indubidable valía como xerador de riqueza para o conxunto do país”.

Lete Lasa destacou a potencialidade do sector deportivo -o 2,12 % do PIB da Unión Europea e o 2,72 % do total do emprego da Europa dos 27- e, nomeadamente, do sector deportivo galego do que destacou a súa capacidade de recuperación “tras unha época de dureza sen precedentes, fundamentada en axudas específicas”.

O mandatario galego lembrou que, “desde decembro de 2020, a Secretaría Xeral para o Deporte, comprometeu seis millóns de euros adicionais que, sumados aos 4,4 millóns dos plans de rescate da Xunta directamente destinados ao ámbito deportivo, sentan as bases dunha recuperación pola que seguimos traballando e que mira agora aos 300 millóns para o fomento do deporte dos fondos Next Generation”.

Neste marco, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, salientou o importante papel que xa está a xogar o novo Clúster, favorecendo a que a industria do deporte galego se sitúe nunha posición de liderado competitivo. “Esta iniciativa contribúe ao progreso e á calidade de vida do noso entorno coa sostibilidade como referente”, incidiu.

Así, Guldrís sinalou que o Clúster ten como obxectivo propoñer plans conxuntos que beneficien ao sector e ás empresas integrantes do mesmo, incentivando a activación e o desenvolvemento do tecido industrial deportivo galego.

Neste reto, tal e como explicou Guldrís, conta co apoio da Xunta de Galicia, que vén desenvolvendo diversas liñas de actuación no marco do cooperativismo empresarial. Entre elas, o director do Igape destacou o programa de apoio aos clústeres emerxentes, como o do Deporte, que facilita a elaboración do primeiro plan estratéxico.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.